Unha e outra vez, Vázquez insiste na necesidade de descubrir «o que en realidade quere facer o PP». E lembra o que ocorreu na costa galega hai agora nove anos.
-Falemos das deputacións. ¿Comparte vostede con Rubalcaba a intención de eliminalas?
-Sempre fun partidario de eliminalas. Nunca cumpriron a función que lles corresponde e só se empregan politicamente. Non hai máis que ver o que ocorre en Pontevedra, con reparto de cheques e comelladas a conta dos cartos públicos. Ademais véndense mentiras, como o famoso Plan Provincial de Cooperación, no que a Deputación só aporta un 13% do investimento, o mesmo cós concellos, fronte o 64% do Estado.
-Rajoy defende o seu papel.
-Si, e lembra que foi presidente para axudar aos concellos pequeñitos. Pero non di que cando foi vicepresidente do Goberno esqueceuse de axudar a eses concellos pequeñitos cando chegou o chapapote. Son os mesmos que nos abandonaron no Prestige, os que nos deixaron sos e cando chamabamos por teléfono respondían que non había crise ningunha.
-Mais eliminar as deputacións significaría aumentar, mesmo fusionar, a colaboración entre os concellos. ¿É iso posible?
-Somos maiores, temos xa 30 anos de democracia nas costas, para superar dunha vez eses localismos. E fíxese que o di o alcalde do último municipio que se creou en Galicia. Son un firme defensor desa colaboración, de aproveitar as economías de escala e as sinerxías. É o futuro.
-Por certo, se fose elixido tería que renunciar á súa acta ou á alcaldía segundo a doutrina do seu secretario xeral. ¿Que faría?
-Estou de acordo co principio dunha persoa un cargo. Son un home de equipo. Se saio deputado é para ser a voz de Arousa no Congreso. Abriríase un debate no seo do grupo de goberno e na agrupación local do PSOE.