O rexedor dubida de que un proxecto só con capital privado sexa factible
10 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Hai once anos chamárono tolo cando anunciou a creación no seu concello do primeiro parque acuático de Galicia. Hoxe, o Aquapark de Cerceda financia servizos municipais e ten xerado xa máis de 5 millóns de euros. O alcalde, o socialista José García Liñares, considera que no país poden convivir perfectamente dúas instalacións destas características, aínda que dubida da viabilidade dunha iniciativa puramente privada.
-¿Preocúpalle que en Vilagarcía se abra un segundo parque acuático?
-Non. Non creo que o parque de Vilagarcía nos puidese afectar. As cousas son sinxelas; cando vai bo tempo hai moita xente, e cando vai malo hai pouca. En Andalucía hai experiencias de varios parques deste tipo funcionando sen problemas. Creo que en Galicia hai potencial para dous parques, outra cousa é que esa idea sexa viable.
-¿Non cre que sexa posible?
-Se depende unicamente da iniciativa privada teño moitas dúbidas. Un parque coma o noso é rendible socialmente, pero economicamente unha empresa ten que recuperar o seu investimento. E créame que é complicado e que os gastos son moitos. Para empezar, en Galicia só se pode funcionar plenamente tres meses, en realidade dous e medio, entre mediados de xuño e finais de agosto.
-¿A canto ascenden os gastos aos que se refire?
-Para empezar, o investimento inicial foi a case 5 millóns de euros. que son moitos cartos.
-Sen capital privado.
-Sen capital privado. Financiouse con achegas municipais e axudas da Xunta e o Estado, de Europa tamén caeu algo. Claro, a través dun Concello é distinto. Outra cousa é que puidese funcionar todo o ano. Mire, con menos de 500 persoas diarias non compensa telo aberto. Hai un grande consumo de electricidade e de auga. E de persoal, porque alí traballan 60 persoas. O ano pasado chegamos a facturar 720.000 euros, pero este ano baixou a 500 e pico. Digamos que como media xeramos 600.000 euros e gastamos 300.000. Como lle digo, non é este un investimento que sexa cousa de 200.000 euros. Só no material trouxemos pezas de México, Inglaterra e Turquía.
-Pero para o concello é bo. E está ademais a experiencia da xestión directa do Concello.
-Para a economía de Cerceda é moi bo, para os restaurantes, todo funciona mellor porque vén xente e consume, pero xa lle digo que hai gastos que fan difícil que sexa rendible para unha empresa que ten que recuperar o seu investimento. E polo que respecta á xestión directa, a experiencia si é moi boa. Hai que ter ambulancias, en cada piscina un socorrista, monitores, caixeira, vixilancia, porteiros. Pechamos a piscina cuberta no verán, levamos o persoal ao parque e o resto contratámolo. Sobre todo estudantes e xente nova, que gañan uns cartos no verán.
«Para a economía é moi bo, pero hai tamén gastos;
isto no se fai con 200.000 euros»
«O bo tempo é esencial; por baixo de 500 persoas ao día non compensa telo aberto»