O primeiro plantel xuvenil do Arousa pechou a pasada fin de semana a tempada cunha derrota por 2-1 no campo do Montañeros B. Un resultado intrascendente, por canto os pupilos de Celso Couso sabían de antemán que ían rematar na sexta praza da clasificación da Liga Nacional.
Couso cualificou onte a tempada de «moi boa, e moi completa. Melloramos con moito as prestacións do noso primeiro ano, no que rematamos cuartos pola cola». Éxito substentado sobre un grupo «moi traballador» que fixo posible «chegar ao Nadal coa salvación asegurada, e superar na clasificación ao Deportivo B, campión da Liga os cinco anos anteriores».
O técnico manifestou o seu desexo de continuar a vindeira campaña, compartido, di, pola directiva do Arousa. Claro que podería atoparse cun equipo mermado, ao licenciarse cinco futbolistas e iniciar outros tantos estudos universitarios na Coruña.
Noutra orde de cousas, o segundo equipo cadete do Arousa certificou a permanencia na Liga Galega ao impoñerse na penúltima xornada ao Chapela, 5-1. E no Torneo Prebenxamín do Arousa, o Sárdoma levouse o título o pasado domingo vencendo 6-0 ao Catoira.