Das vimbieiras

X. A. Ochoa

AROUSA

oregato dos Paus, que leva lirios pola canle, nace na fonte dese nome, toca Ruidantes, vai pola Veiga e desauga en Serramuíño, onde florecen a miles os Rabos de Lebre. É tan caudaloso que inunda o Pradiño e por iso alí medran os trogalleiros de San Brandán, que se chaman así por valeren para armar a nave dese santo, tal como se conta no libro da súa viaxe. Porviso agasalloume co manuscrito do Navigatio Sancti Brendani e contoume que andara sete anos a socorrer de seguido a ese irlandés pola teima que tiña de buscar a Terra de Promisión abandonado á vontade divina polo mar abaixo, «faciat Deus sicut vult»; así, o que conseguía era darlle traballo a Porviso porque cada vez que o frade desatracaba quedaba pendente del por ver onde encallaría. Na tradución dise que á nave, «naviculam levissimam», fixéranlle, «acceptis ferramentis fecerunt», os costados de madeira. O congro, autor do texto latino, di que non se refería aos costados senón que só puxo «costatam et columnatam ex silva» porque os barcos formábanos con cadernas, quilla, roda e codaste de carballo e ningunha madeira máis; despois, uníase ese costelar con vimbios, tal como os fungueiros nas canizas dos carros e, por riba, pel, preferiblemente de boi, «coriis boviniis in cortice roborina», pintada en vermello; para as xuntas, graxa, «pellium ex butyro» e levaba un mastro: «Arborem posuerunt in medio navis fixam». Sendo para mares de pouco calado, tecíase un fondo plano, como se foran cestas ou canastras e, despois, as bandas. As vimbieiras do Pradiño eran un tesouro e podábanse nos solsticios de inverno para anovalos barcos antes da Candelaria. Brandán quedou tan contento coa fasquía da súa nave que rezou para que non volvesen agromar esas vimbieiras e non se puidera botar outra igual. Pero como xa encallou na Presiña, a uns metros da babuxa, Porviso lanzoulle o famosísimo esconxuro: «Brandán, Barandeiro, para zafar do petón, fai agromalo vimieiro». E os vimbios, claro está, ese ano abrollaren antes do abril.