Da comida

X. A. Ochoa

AROUSA

06 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Convídeo: só ten que saber que Porviso afíxose a comer do noso. Pero non vaia pensar que papa calquera cousa. Ca!, éche larpeiro, ten debilidade polos menús de sempre, así que para unha comanda, sen ser de festa, poderá valer a seguinte: de entrante, camaróns das pozas da seca do Seixeliño ou da insuíña de Civide, dá igual, fritidos. Non de calquera xeito: cunha lambetada de graxa de porco cebado con millo e cos camaróns volta e volta ata deixalos vermellos e coa cacha que trisque. De seguido, peneiras cocidas con picadiño á vinagreta. Despois, iranlle cinco ou seis cabezas de maragota, de petón de terra, secas, salgadas sete días e curadas de doce de nordés en piorno, cocidas en caldeirada. De primeiro, é un dicir, acaeranlle tres pratos fondos de arroz caldoso con patacas picadas, bicos tortos, carneiros e arolas. Ollo: é prato de culler e bicos tortos e carneiros terán que ser de Piñeirón e iren na cuncha de seu; arolas valerán as de Moreiras, pero preferiraas da Lanzada. De principal, unha fonte de cocido con bolos e fabas de Salcido. A clave para que non llo desprece estará en cociñalo de vagar, a lume maino de carballo, cerdeira, estripo ou nogueira, nunca de vide nin sabugueiro, sen que, en ningún intre, ferva a cachóns; despois das patacas e cando a verdura, que non será de estremas nin de cadabullos, estea donda, botaranse os bolos, amasados con fariña milla e un algo de centea, na que se mesturaría un rustrido cuns poucos reixóns. Onde se notará o de saber amasalos bolos será nas nébedas: irán na fritura sen torrárense. Os bolos estaranlle no punto cando aboien na ola, enteiros. Levará chourizos afumados con loureiro. Na sobremesa considerará unha aldraxe pór deses follatos afrancesados, tesos: quererá filloas cumpridas, con azucre por riba e molladas en espadeiro, ou, de non haber, en tinta femia de Cela. Esixirá unha condición: invitalo ao día seguinte a larpalo caldo cos bolos a desfacérense. Se queda contento pedirá un Cohibas, un Tokaji e que lle rañen o lombo, suavemente, sesenta e nove minutos cunha cuncha das peneiras que comeu.