«Agredir a otro, sin causar lesión, estando el juego detenido». En vista da acta arbitral do Porriño Industrial-Céltiga do pasado domingo, e aplicando o artigo 118.F do regulamento federativo, o Comité de Competición e de Disciplina da Preferente Autonómica sancionou onte con catro partidos de suspensión a Juanito. Un castigo considerado excesivo no seo do club illense, cuxos responsables avaliaban na noite de onte a posibilidade de recorrer a decisión de Competición.
O primeiro en amosar a súa disconformidade coa sanción foi o propio afectado. Un Juanito visiblemente tocado, xa non tanto pola repercusión persoal da súa expulsión no partido de Porriño, como polo prexuízo que as súas consecuencias teñen para o plantel arousán.
O xogador recoñecía onte que a vermella que recibíu no minuto 66 non ten discusión. «Foi unha xogada moi rápida. Sacamos de centro tras o 2-0, recibín o balón na banda, regateei a un rival e atopeime con outros dous. O balón saíu pola banda e un deles agarroume. Soltei un manotazo cara atrás e dinlle na cara. As pulsacións estaban altas, o partido ía como ía, coa presión da marcha do equipo... Foi un calentón, froito da impotencia. Non hai excusa. Merecíame a expulsión».
Dito isto, o futbolista considera que «o xusto tería sido un partido de sanción. Non son un xogador duro, de dar patadas».Claro que xa intuía os catro partidos cando soubo que na acta o colexiado informou dun manotazo co rival no chan.
O adestrador do Céltiga, Manolo Núñez, e o presidente do club, Manuel Dios, Martiñán, coincidían con Juanito en cualificar o castigo de Competición «esaxerado». O cal non quere dicir que pasen por alto o erro cometido polo futbolista.
Neste senso, Núñez describe a acción de Juanito de «chiquillada», que agarda «lle sirva con vistas ao futuro. É novo, e confío en que aprenda» para non voltar deixar a un equipo como o Céltiga, nunha situación clasificatoria delicada e mermado de efectivos, cun home menos por un calentón. En todo caso, «Juanito non tivo intención de agredir».
Martiñán tiña previsto estudar onte á noite co resto da directiva a opción de recorrer unha sanción «excesiva». Pero por experiencias anteriores, «sei que é complicado conseguir algo».