¿Onde están as laranxeiras?

AROUSA

O exercicio de desmemoria permanente que algúns parecen decididos a establecer por decreto e piqueta está dando os seus resultados en Vilagarcía. Mais aínda non chega a tanto que faga esquecer as argumentacións que, por exemplo, conduciron á demolición do cine Fantasio aló polo ano 2000. O inmoble estaba a piques de ser incorporado ao catálogo municipal de bens a conservar. Pero, vaia por deus, faltaba aínda cousa dun mes para que o trámite concluíse cando as máquinas o botaron abaixo. Resulta curioso comprobar que esta é, precisamente, a xustificación da destrución en marcha dos bancos de azulexo de Ravella. Seica non forman parte do patrimonio catalogado, de forma que a súa restauración constituiría pouco menos ca un atentado ao bo gusto e á exquisita finura de criterio do único ser imbuído da capacidade divina de decidir sobre a vida e a morte de edificios, elementos urbanísticos e, en xeral, calquera cousa digna de ter en conta. Será por iso que as laranxeiras de Rey Daviña foron arrincadas para ser substituídas por esas ridículas plantas aromáticas que xa pasaron a mellor vida. Seguramente para rescatar algún valor patrimonial perdido. Por certo, ¿onde estarán?