Anda a Unión Europea nun tris de eliminar, se é que non o fixo xa, os aranceis que freaban a chegada aos nosos territorios de conservas enlatadas procedentes de calquera punto do planeta. Isto, que os paladíns da globalización mal entendida aplaudirán coas orellas, supón, para a industria galega, o seu remate definitivo. En pouco tempo, xa o verán, a actividade produtiva abandonará definitivamente as nosas costas para instalarse non importa en que recuncho con tal de que os custes de fabricación sexan unha miseria. Atrás deste fenómeno hai moita tea que cortar. Está, por suposto, a visión suicida que esquece a economía real para botarse en brazos das finanzas puras e duras. Unha empresa xa non é valorada polo que produce, levada polo pulo de innovar, fabricar mellor e ofrecer traballo e vida á sociedade sobre a que medra, senón tan só pola súa cotización nos mal chamados mercados bursátiles , novas covas dos corenta mil ladróns nas que aprendices de bruxos con querenzas pseudocientíficas arriscan o futuro de todos nós con fórmulas que erran cada día e son incapaces de prever case nada. Algún día haberá que lles pedir contas aos economistas, eles que presumen de saber botalas.