Agora que a desfeita xa non ten remedio deberían vir en ringleiras todos eses tipos traxeados, ben peiteados, con eses falares tan razoables dos que se gaban, e explicarlles ás duascentas traballadoras de Alfageme as súas teorías sobre a crise da economía produtiva e as políticas activas para a recuperación do emprego. Que nos conten a todos que a solución pasa por subir a idade de xubilación aos 70 anos e renunciar ás indemnizacións ás que os curritos temos dereito para que un fato de mangantes, bos para nada, chupatintas, abrazafarolas e caraduras sigan mantendo os seus privilexios e continúen a facer caixa a base de especular cos postos de traballo e ir pechando empresas coma quen conta monos no zoo da Madroa. Que nos digan que hai que incrementar a produtividade, eses lacazáns, chiquilicuatres, palanquíns de medio pelo e chequeira no peto. Que nos dean argumentos para crer nunha lei e nunha xustiza que deixan a xente na rúa con catro cadelas; para acreditar nun sistema que permite a destrución de ocupacións que nunca se poderán recuperar. Eses douscentos empregos pérdense agora, pero sobre todo para o futuro. Douscentos traballos menos para os fillos desta terra.