«Non admitimos que o Concello marque os tempos da comunidade»

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Coa moción aprobada o luns «en defensa do uso público do Sanatorio», di Ochoa, o goberno local abríu unha «caixa dos tronos» que pode hipotecar as arcas municipais

27 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O presidente da comunidade de montes de San Vicente, Manuel Ochoa, saíu visiblemente enfadado do pleno que o pasado luns se celebrou no Concello do Grove. Ás portas do edificio municipal, e no medio dunha tensa conversa con Antón Mascato, o concelleiro encargado de defender unha moción para a defensa dos usos públicos do Sanatorio da Lanzada, espetoulle un sonoro «estádesnos a botar aos pés dos cabalos».

-¿Que quería dicir con iso?

-A Comunidade sempre tivo na súa axenda o tema do Sanatorio. Desde os primeiros expedientes de clasificación, onde xa se reclamaron eses terreos anque foi desestimado non porque non lle pertenzan aos veciños, se non porque están en mans da Deputación, en mans públicas, e o xurado non se quería meter aí e derivaba o asunto aos xulgados. A xunta rectora anterior á nosa non perdeu o fío, e cónstame que fixo xestións sobre ese tema. E nós, a rectora que eu presido, temos un expediente de clasificación feito. Pero queriamos levar o tema dunha forma tranquila, sen alboroto, negociando e eludindo a vía xudicial, negociando para que ninguén saise prexudicado. A nosa sorpresa é que, un dos actores que menos debería abrir a boca neste asunto, que é o Concello, é o que nos pon aos pés dos cabalos e o que nos coloca nuna tesitura moi mala. Están cometendo unha irresponsabilidade absoluta, porque no caso de que nós demandemos a alguén, terá que ser á Deputación e tamén a eles, ao Concello, que foi quen lle vendeu eses terreos. En vez de se centrar nos temas do día a día, que sí afectan aos veciños, remenxen na caixa dos tronos de hai 80 anos, sen pararse a pensar que poden acabar tendo que indemnizar á comunidade de montes, e botándolle enriba aos veciños do Grove unha lousa moi grande, de 300 ou 400 millóns de pesetas de indemnización.

-Entendo que tiñan vostedes o tema na axenda, pero que non o consideraban prioritario...

-Hai varias cousas que ter en conta. En primeiro lugar, iniciar procesos ten uns custes, e nós temos uns recursos limitados. Ademais, este tema non nos parecía prioritario porque o Sanatorio está en mans dun ente público, por unha banda, e porque as reivindicacións sobre o monte son imprescriptibles. Agora si hai certa premura, porque nos están botando á xente enriba.

-¿Sinten presión veciñal?

-Na Xunta rectora hai moita incomodidade, porque non admitimos que o Concello queira marcar os tempos da comunidade. Nos veciños nunca vimos unha preocupación porque se reavivase este expediente, de feito pensamos que debemos utilizar este asunto como unha arma para que a Deputación invirta na parroquia. Cando sexa o momento, abordaremos o tema. E este non é o momento. Non poden vir agora a querer ensinarnos a nós como se defende o monte común.

-¿Esta situación pode traducirse en que a comunidade poña na carpeta de temas urxentes o tema do Sanatorio?

-Eu non son alleo ao que está a pasar, pero o único órgano que me vai marcar os tempos é a asamblea. Farei o que a asamblea me mande.

-Saberá que hai quen afirma que a comunidade non fai nada pola militancia política do seu presidente...

-A militancia nos partidos políticos é libre. E eu, a miña militancia no PP nunca a vinculei á comunidade de montes. Nin antes, cando no Grove gobernaba o PP, nin hoxe que non goberna. De feito, creo que fun bastante máis transixente con este goberno de agora do que era antes. Por outra banda, o 60% dos votos da parroquia nas eleccións van para o PP, o que quere dicir que hai moitos veciños que cando menos teñen simpatía por ese partido... En calquera caso, nós non lle pedimos o carné a ninguén nin para ser comuneiro, nin para estar na xunta rectora.

-¿Este enfrentamento vai iniciar unha confrontación entre Concello e comunidade?

-Sempre que firmamos un acordo co Concello, antes e agora, temos dúbidas. Nós sabemos o que cedemos, os terreos, pero non sabemos ata que punto o Concello vai ser quen de cumplir a súa parte. Nós non temos dúbidas de que somos veciños do Grove, do que xa temos máis dúbidas é de se chegaremos a algún acordo máis con esta corporación porque, insisto, eles abriron a caixa dos tronos contra eles mesmos. E aínda así, seguirmos abertos ao diálogo con eles. Pero ao diálogo, non a ningún tipo de imposición.