Encadeados a un volante

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

AROUSA

A empresa desta familia boirense iniciou a súa andaina cun pequeno camión e hoxe conta cunha flota de dez vehículos pesados, oito deles, tráileres

03 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Pasaron moitos anos, case corenta, e a empresa que un día fundou José Sueiro Noal pouco ten que ver coa que agora rexentan o seu xenro Luis Miranda e un dos fillos deste, Óscar. De seguro que o primeiro non pensaba que aquel pequeno camión, un Nazar con motor Perkins, podía ser o comezo dunha importante flota de vehículos dedicados ao transporte de produtos pesqueiros para o abastecemento das principais industrias conserveiras de Barbanza.

Corría o ano 1962 cando Sueiro Noal decidía deixar o seu traballo como mariñeiro na pesca do bacallau en Canadá para probar sorte en terra. A súa única filla contaba daquela dous anos e el quería vela medrar, polo que se animou a mercar un camión para carrexar todo tipo de mercadorías, desde piñeiros ata area e pedras.

A idea empresarial callaba, e o boirense decidiu tres anos despois dar un novo paso, mercar un pequeno terreo en Espiñeiro e construír un garaxe. Co paso do tempo, aquel Nazar C-23714 empezou a fallar, e Sueiro substituíuno por un clásico, un Barreiros 4217. O negocio ía vento en popa e no 1976, José xa tiña un camión máis modero, un Barreiros 115.

Tal era o volume de encargas que Sueiro tiña que atender, que non dubidou en propoñerlle ao seu xenro que se unira á empresa e así foi como, no 1984, Luis Miranda se encadeou ao volante de outro Barreiros. Os dous lembran que foron anos de moito traballo, pero tamén dunha boa recompensa que lles serviu para seguir modernizando a empresa, dun xeito lento pero seguro.

De feito, a finais dos oitenta, volve a producirse un novo cambio de vehículos coa adquisición de dous Renault que aínda hoxe circulan pola estrada. Sueiro estivo case unha década máis enganchado ao volante, xa que logo iniciou a etapa dourada da xubilación, deixando ao seu xenro só ante o perigo.

Traxectoria ascendente

Pero a fortuna tamén lle sorriu a Luis Miranda que, coa súa dedicación, fixo posible que a traxectoria do negocio seguira sendo ascendente. Primeiro contratou a un empregado e logo a outro, facéndose tamén co primeiro tráiler da empresa.

Un dos fillos de Luis, Óscar, non puido resistirse e hai un lustro tamén se deixou contaxiar pola maxia do volante. Quizais foi a súa incorporación na empresa a que propiciou o salto definitivo, pois os Miranda Sueiro adquiriron outro negocio do sector, pasaron a formar unha sociedade limitada con dous camións e oito tráileres. Incluso outro Miranda, Luis -director da escola de música de Boiro- ten que botar unha man, encargándose da parte administrativa da firma.

Cos seus máis e os seus menos, os tres Miranda traballan cóbado con cóbado na que xa é unha gran empresa de transportes: «Como me ocorreu a min co meu sogro, os meus fillos veñen agora con novas ideas. É lei de vida. Para min, o importante é que a empresa continúe, polo que non poño impedimentos a que sexan eles os que vaian collendo as rendas».