O Céltiga segue a botar de menos o inédito Nacho

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Todo equipo que aspira a grandes metas, como un ascenso, está obrigado a contar no seu plantel cun organizador sobre o terreo de xogo. Cando José María Rial chegou ao Salvador Otero co encargo de devolver o Céltiga á Terceira División, tróuxose con el a Nacho para que ocupase ese papel crucial de prolongación do técnico no campo. Pero a dureza do Pontellas na Copa Deputación, con Nacho lesionado nun nocello que se segue sen recuperar, privou ata o momento o conxunto illense de quen estaba chamado a funcionar como o seu cerebro na Liga.

A referencia, coa data de recuperación de Nacho aínda pendente dunha resonancia sen cita, resulta necesaria cando se trata de buscar a razón de por que un dos máis firmes candidatos ao ascenso segue sen coñecer a vitoria logo de tres xornadas de campionato, saldadas con outros tantos empates.

Sen recambio natural, con Fernando desasistido na medular por un Ero falto de ritmo tras unha pretempada no dique seco, o adestrador do Céltiga, José María Rial, deberá seguir fortalecendo a estrutura defensiva do equipo para gañar tempo. Tempo para ver se o paso dos partidos descobre en Ero o elemento que precisa o conxunto do Salvador Otero para suplir a ausencia do inédito Nacho en tanto este segue fóra de xogo.

A falta de alternativa aparente no banquiño arousán -se acaso Luis Alberto, máis xogador de banda e tamén lesionado o pasado domingo- estreitou a marxe de acción do Céltiga ante un Marín que, como o Sanxenxo quince días antes, soubo maniatar o centro do campo do Céltiga boa parte do partido.

Ben é certo que o cadro da Illa xogou con maior frescura ca na súa estrea ligueira, e que xerou máis ocasións de perigo. Pero o seu principal problema voltou ser o mesmo. Unha moi deficiente conexión entre a medular e as bandas, as catapultas que Rial emprega como armas de acoso e de derribo das murallas inimigas en cada equipo que pasa polas súas mans. Só desa forma, abrindo espazos, se poderá exprimir o talento de Aarón, que o domingo deixou ante o Marín destellos de gran regateador.

Neste período de incertidume incidir na concentración defensiva antóllase vital para os intereses do Céltiga. Porque non sempre vai ser este quen de contar e de aproveitar dúas accións a balón parado como as que lle concedeu, con acerto, o árbitro fronte ao Marín. Unha falta ao borde da área por man do porteiro visitante sinalada polo auxiliar do colexiado, con Ero aproveitando o rexeite e o gardameta expulsado por insultar o linier. E un penalti por carga ilegal no inicio da segunda parte. Nos dous casos, compensando sendos erros graves que deron pé ao 0-1, nun córner, e ao 1-2, en xogada de banda con tiro final na frontal da área.