Trallazo punk en Vilaxoán

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Catro bandas prenden o venres 9 de xullo, no Fogar do Pescador, a primeira edición do Festival da Revolta

29 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nunca soarán nos 40 nin sairán divinos de la muerte nun anuncio de Adolfo Domínguez. Pero sempre lles quedará a tralla da súa música para refregarlla nos morros aos máis finos da parroquia, eses bempensantes que andan todo o santo día a dar a brasa, dispostos a escandalizarse por calquera cousa que vaia por fóra do testo no que eles se alivian. Para eses estiradiños de postal xa temos a canción do verán e as cadeiras de Shakira. Mais para os que non comulguen con paxaradas, Vilaxoán ofrece, o venres 9 de xullo, a primeira edición do Festival da Revolta.

De insubornable inspiración punkarra, o festival nace por iniciativa dun grupo de rapaces de Vilaxoán e da asociación cultural Alén da Lenda. A concellería de Xuventude de Vilagarcía brinda a cobertura precisa, e a Confraría vilaxoanesa pon o escenario, o Fogar do Pescador. Aló, a partir das dez da noite, catro bandas galegas poñerán o resto.

Última Sacudida, un grupo formado en Lalín aló polo 2003 que conta entre as súas influencias con Social Distorsion ou Cock Sparrer. Punk rock de arume internacional que está a agardar polo seu segundo traballo logo de Raw and loud , editado polo selo alemán Conehead Records. A información pode ampliarse en www.myspace.com/ultimasacudida ou no seu perfil do Facebook.

Skarmento, tamén da comarca do Deza. A súa carreira levounos a xirar por escenarios europeos de Alemaña e Francia e a contar xa con tres traballos: Punk Rock from Donramiro , Que podemos agardar? e Música Anti-sistema. O seu é o Donra Sound . Para descubrilo, nada mellor que visitar www.myspace.com/skarmento ou, novamente, o que Facebook dispoña.

Nados en Compostela hai agora seis veráns, Post-Mortem volven rodar despois de dous traballos compartidos cos vascos Afonía ( Mi primera excomunión ) e os cataláns Vondänikens ( Camino de Perdición ). Telonearon, entre outros, a Cockney Rejects, lenda do street-punk británico, antes de tomar un tempo de respiro que agora vén de rematar. Máis vida e obra no Myspace ou no Facebook. O mesmo que no caso de Skalopendra, cinco rapaces arousáns que beben de grupos como Extremoduro, Boikot, Ruxe Ruxe, System of a Dawn, Heredeiros ou Ramones.

A concelleira Ana Lorenzo, que onte compartiu a presentación do festival con varios deles, subliñou o feito de que o festival naza dende abaixo, do traballo da rapazada, e que teña un selo galego indeleble. Agora falta que o invento funcione e atraia xente a montes. Para empezar, é de balde.