«Cambiar cada dez ou doce días o escaparate axuda moito a vender»

Rosa Gallardo REDACCIÓN/LA VOZ.

AROUSA

02 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Rexenta dúas tendas de moda, en Noia e en Boiro, un traballo que Nuria Arufe compaxina coa faceta formativa, xa que imparte cursos de escaparatismo dirixidos a autónomos.

-¿Que parte destacaría do seu traballo?

-Gústame todo, sobre todo mercar os artigos e ver as novas coleccións, vender. Xa cando era nena me gustaba atender o negocio dos meus tíos, polo que me sinto unha privilexiada, por poder traballar agora nas miñas tendas. -¿Percibe os efectos da crise? -Si, as cousas están complicadas. Como digo eu, antes despachábase moito e hoxe hai que saber vender. Penso que hai que ser optimistas, aínda que ás veces se compliquen as cousas. -¿Cal é a fórmula que emprega para atraer aos clientes? -A decoración é importantísima, cambiar cada dez ou doce días o escaparate axuda a vender, xa que non queimas os produtos e a xente ten a posibilidade de ver as novidades. -¿Que lle ofrece aos seus clientes nas tendas que rexenta en Boiro e en Noia? -Un pouco de todo. Non temos un estilo concreto e abarcamos diferentes idades, tallas e cores. Ademais do sector téxtil, tamén traballamos complementos e calzado. As dúas tendas son multimarca, pero en Noia temos a exclusividade en El Caballo e en Boiro, a de Tous.