Daquela aquí había xente de moito carallo». Estas foron as primeiras palabras que Marcelo González me dirixiu cando inaugurei con el una serie de entrevistas sobre a resistencia fronte o franquismo, hai xa un fato de anos. Sempre me pareceu que el era un deles. Cando falaba dos irmáns, mortos na guerra. Das aventuras vividas a bordo daquel cargueiro que burlou o cerco feixista para traer combustible dende o Mediterráneo ao fronte republicano do norte. Cando lembraba a ruín traizón do xerifalte falanxista que, enviado a África coa misión de meter no peto aos mariños derrotados, enganounos para traelos a España con promesas de amnistía -esa que agora tantos poñen polo ceo e ningunha concederon cando debían- que en realidade foron anos de cárcere miserenta. As humillacións padecidas ao volver a Vilagarcía e comprobar como os novos arribistas aplicaban con fidelidade aquela frase de Franco que mesmo arrepiou ao cónsul nazi: «A mí me sobran el 40% de los españoles». Todo aquilo xurdía no seu lembrar, e Marcelo premía o puño como cando navegaba no Liberdade . El tamén era unha daquelas xentes de tanto carallo das que xa tan poucas quedan.