O Courel de Novoneyra, aquí

AROUSA

Candea, Fotoxoguete e o Concello de Vilagarcía estrean no auditorio unha mostra que pon imaxe ás palabras do poeta

25 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

É, segundo o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, unha exposición que nace en Vilagarcía con vocación de viaxe. Seguindo, dalgún xeito, o camiño que sinalara o Ano Cabanillas, inspirándose de feito no formato que tan ben funcionou no caso do poeta da raza, a asociación de ensinantes Candea volve colaborar con Fotoxoguete para introducir a un autor sobranceiro do país no entorno natural e humano da súa obra. Dende o venres, data da súa inauguración, ata o 17 de abril, o auditorio vilagarcián será escenario dunha mostra na que o Courel e as súas xentes darán imaxe ás verbas de Uxío Novoneyra, o home de palabra ao que este ano vén dedicado o Día das Letras Galegas.

«Xuntamos arte, lingua e divulgación; desta estrutura xurdiu unha idea que a concellería de Cultura de Vilagarcía interpretou perfectamente e que consiste nunha escolma de poemas aos que damos imaxe con trinta fotografías», explica Adela Leiro, presidenta de Candea. Ela mesma asina a metade das fotos dedicadas ao territorio do Courel. O resto delas corresponde a Carlos Puga, quen pescudou non nos lugares, senón nas xentes de Novoneyra, a soidade da montaña, os xeitos de vida, as casas, o lar en inverno. Dous paneis con ampla información sobre o poeta completan o aparello dunha exposición que percorrerá, de seguido, diferentes lugares da bisbarra e Galicia. Nun intre no que ler, falar e, en definitiva, vivir o galego, resulta máis decisivo ca nunca, como ben subliñou a propia Leiro.