Onte, cando un helicóptero de emerxencias aterrou no campo de fútbol de Rubiáns, houbo quen puxo o grito no ceo -con lóxica irreprochable, por certo- esixindo que o aparato voase de novo para que o partido seguise en xogo. Valía máis o resultado dun encontro de veteranos que a saúde dun rapaz. Cando a xente de Protección Civil foi pedir fondos para renovar a súa ambulancia, no Concello dixéronlles que o gasto non era preciso porque o asunto das urxencias seica é cuestión do 061. Se non fose polo vello vehículo, alguén en Vilagarcía tería hoxe un bo motivo para poñerse colorado ata as orellas. É máis importante pintar de vermello os pasos de peóns que complementar os servizos de seguridade con dotacións propias. Por se as moscas, que, como se ve, habelas hainas. Mentres a terceira cidade da provincia precisa un ambulatorio en condicións, na Xunta se distraen formulando fantasías sobre terreos que ninguén coñece. Cómpre pagarlle unha pasta a un tipo con sona de nadador indómito para mercar minutos nos telexornais. Pero non malgastar cartos nesta «pataca miúda», que diría Caneda. Cuestión, en fin, de prioridades. Así nos vai. Que teñan un bo domingo, compañeiros.