Un milleiro de escolares de toda a ría verán a «Comedia bífida», unha retranqueira montaxe a prol do idioma
23 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Son moitos os tópicos que condenan ao galego á condición dunha sorte de segundo idioma, un chisco por baixo das linguas consideradas de primeiro nivel. Que se é unha fala bruta, que se non o entendo, que se é de mala educación, que se non o falo porque hai xente que non o comprende ou, simplemente, porque non sei falalo ben. Estas e outras cuestións son abordadas por Manuel Núñez Singala no seu libro En galego, por que non? Trátase dun ensaio feito para que o lector matine nas súas propias actitudes cara o idioma. Un exercicio que derruba prexuízos se simplificacións que aínda, malia todo, se manteñen encol da lingua galega.
Mais, no que atinxe a Vilagarcía, o que verdadeiramente importa é que Núñez Singala asina, tamén, unha peza teatral que a semana vindeira será vista por máis dun milleiro de escolares procedentes de 16 centros de Secundaria distintos, localizados en Boiro, Cambados, Noia, Rianxo, Ribeira, Sanxenxo, Vilanova, Caldas, Cambados, Porto do Son e A Pobra, ademais da propia Vilagarcía. Trátase, en concreto, de 1.054 alumnos que asistirán á representación o martes, en dúas quendas: ás dez e as doce da mañá.
Visita ao Xuízo Final
Comedia bífida é o título dunha montaxe realizada pola compañía Nobicarelo Teatro, baseada na obra do mesmo título de Núñez Singala e editada pola editorial Galaxia, dentro da súa colección Costa Oeste.
O argumento presenta, con tremendas pinceladas de retranca e ironía, algunhas das situacións que a cotío se viven en relación coa lingua galega.
A obra desenvólvese durante o Xuízo Final, asistido por San Pedro como maxistrado supremo. Os mortos que chegan ao tribunal son xulgados non pola súa orientación moral, senón pola actitude demostrada en vida a prol ou en contra da súa lingua de seu. Xa que os mortos son na súa meirande parte galegos, galego vai ser tamén o idioma que se vexa en tea de xuízo nesta peculiar revisión da fin dos tempos. A vista xudicial terá, xa que logo, como protagonista un rexistro idiomático que é sistematicamente posto en cuestión no país no que, paradoxalmente, naceu e do que é máximo sinal de identidade.
Un arcanxo defensor e un demo no papel de fiscal darán o contrapunto argumental á hora de sopesar as razóns que levan a un galego a non querer falar a súa lingua con normalidade. Humorismo, ironía, sarcasmos variados, crítica e autocrítica son servidos en boas doses nesta derradeira cea teatral.