Díaz atribúe a derrota copeira do Extrugasa á «lóxica» falta de preparación ante a defensa en zona
AROUSA
A eliminación copeira o pasado sábado en Fontecarmoa a mans do Ensino de Lugo por un axustado 70-74 ten para o adestrador do Extrugasa diferentes lecturas. A vertente positiva chega na faceta defensiva, con Tito Díaz salientando «o nivel amosado nos tres primeiros cuartos», nos que o cadro local dominou o electrónico. A partir dos catro últimos minutos do terceiro acto do partido, unha defensa en zona do Ensino puxo ao descuberto a imaxe negativa ofrecida polo Extrugasa a ollos da súa afección, pero tamén do seu propio responsable técnico. «Atascámonos en ataque. Pero ademais o equipo desaxustouse defensivamente», facilitándolle o acceso ao aro local o seu rival. Tito Díaz quitoulle ferro á pobre reacción do seu equipo ante o recurso rival á zona, en tanto que «a estas alturas da pretempada non ter definido o ataque contra zona entra dentro da lóxica». Dito isto, o propio preparador negouse a estender a desculpa ao baixón defensivo do Extrugasa no derradeiro cuarto, no que encaixou 30 puntos. «Non podemos permitir que os erros de pase se convirtan en asistencias ao contrario», sentenciou, ao tempo que puxo de manifesto a necesidade de mellorar tamén no rebote de ataque. Tres partidos esta semana A eliminación da Copa Galicia priva o Extrugasa de dous partidos asegurados esta semana. Tito Díaz di que «precisamos xogar cantos máis partidos mellor porque nos temos que acoplar canto antes». Por iso, mañá haberá un amigable contra un equipo galego de LF2 aínda por definir, e a fin de semana o Extrugasa disputará en Portugal dous partidos co Vagos da División de Honra lusa.