As letras compoñen a festa

Begoña Paso begona.paso@lavoz.es

AROUSA

Aínda que A Illa é sitio distinto, o domingo pola mañá a choiva tamén caeu con forza sobre este anaco de terra que emerxe do máis profundo do mar de Arousa. Pero deu igual. Dorna preparara un amplo programa de actos para celebrar o Día das Letras Galegas e non renunciou a el. A única concesión foi trasladar toda a actividade da praza do Concello -onde inicialmente se ía desenvolver- aos soportais do auditorio e mesmo ao interior deste recinto.

Foron moitos os veciños da Illa que decidiron disfrutar do menú lúdico cultural organizado por Dorna, no que había de todo para todos. A libraría Castelao tamén quixo participar na celebración das letras, e para facelo sacou á rúa unha boa mostra de literatura en galego. Na mesa había, sobre todo, libros orientados aos máis cativos. E, de entre todos eses libros, os que máis triunfaron foron os que recollen as historias dos Bolechas. Os famosos personaxes percorreron no seu día A Illa e aquela viaxe quedou plasmada nun libro que onte tamén estaba no escaparte da Castelao. Moitos nenos puideron volver a casa con esa obra asinada por Pepe Carreiro, o autor desta saga. Un auténtico mito para os meniños, que volvían para a casa co autógrafo firmemente agarrado. Era o seu tesouro.

Os cativos disfrutaron, e moito, vendo como Carreiro debuxaba os seus personaxes favoritos. Pero tamén o pasaron en grande coas historias que lles contaba Anxo Moure, un «atrapacontos» que conseguiu que o seu público se metese de cheo nas historias que lles contaba, ata o punto de que os pequenos da Illa acabaron convertidos en rumorosas árbores. Baile e poesía. O baile, a música e a poesía tamén tiveron o seu oco no programa de actos desenvolvido o domingo pola mañá na praza do Concello da Illa. Uxío Allo, de Dorna, foi o encargado de abrir unha lectura pública de poesía que rematou cuns versos de Ana Romaní lidos en voz alta por Manuel Vázquez, o alcalde da Illa. Logo chegou a hora do mar.

Despois de tanta leria en terra, chegou a hora de poñerlle o broche de ouro á celebración. Para iso estaba o mar. No peirao de Pau, as dornas agardaban ese momento ansiosas. Aínda que se tiña que poñer moi mala a cousa para que a travesía non se realizase, todo o mundo suspirou aliviado ao comprobar que as nubes que durante toda a mañá encapotaran o ceo iniciaban a retirada. O sol comezou a saír timidamente, e a viaxe en barco desenvolveuse sen obstáculos de ningún tipo. Logo chegou a despedida. Ata a primavera que vén.