O técnico atribúe o ascenso do cadro xuvenil á Liga Nacional ao traballo dos seus xogadores, e sinala á mala planificación e aos impagos como causas do descenso do equipo de Terceira
14 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O traballo de dúas tempadas e a rexeneración promovida por Carlos Coira júnior e por Maldini á fronte da coordinación da canteira arlequinada foron as armas das que se servíu Celso Couso Martínez para devolver o primeiro plantel xuvenil do Arousa á Liga Nacional. Un ascenso selado a pasada fin de semana cunha goleada sobre o Colegio Hogar B, 3-0, cando ao Arousa aínda lle restan outros catro encontros para finalizar o campionato. Aos seus 34 anos, e con doce de experiencia nos banquiños, Couso atribúelles aos seus 20 pupilos a totalidade do éxito do seu equipo.
-Ascender con catro partidos de sobra non está na man de calquera...
-A verdade é que non. E non foi doado. Sufrimos moito para gañar os partidos, e tras traballar moito. E aínda que nos sobraron unhas xornadas, resultou difícil acadar o ascenso. Pero o grupo é moi bo, e o plantel amplo.
-¿Cales foron as claves do ascenso do equipo?
-Sobre todo, contar con dous xogadores por posto, e que non se notara moita diferencia entre os máis e os menos habituais. A clave foi a profundidade de banquiño que temos. Os trocos nas aliñacións non se notaban. E iso sempre axuda a facer grupo.
-A traxectoria dos xuvenís contrasta coa do primeiro plantel...
-É o punto negro do club. Está claro que que o primeiro equipo non vaia ben afecta a todos. No noso caso, tivemos que prescindir de xogadores importantes no treito final da Liga ante a falta de efectivos arriba. E aínda así, non notamos as ausencias. Quero salientar o traballo dos futbolistas. Tiveron unha dedicación total, e deles é o éxito do ascenso.
-A sensación xeralizada no contorno do Arousa é o gran labor que se está a realizar desde a canteira...
-O salto de calidade foi este ano importante. Desde a chegada de Carlos Coira -júnior- e de Maldini, temos todo o que precisamos para traballar. Conseguírono a base de traballar, de moverse, e de recuperar a relación cos clubs da zona. E isto último é moi importante. O éxito do noso ascenso á Liga Nacional Xuvenil veu por que se conseguíu que clubs como o Catoira ou o Romai nos deixaran traer a varios dos seus xogadores.
-Dirixíu o cadro de Terceira un par de xornadas. ¿A que cre que se debe o descenso?
-Pois penso que o descenso vén sobre todo producido pola mala planificación do primeiro plantel. E os xogadores levan sen cobrar demasiado tempo. Eses dous factores foron os que acabaron co equipo na Preferente. Nas dúas semanas que estiven á fronte do primeiro plantel o tema económico era a maior preocupación que me trasladaban os futbolistas. De feito David, o segundo porteiro, foise polos problemas económicos. Viña de Dubra, e custáballe costearse os desprazamentos.
-Coma socio e membro do corpo técnico do Arousa, ¿cal sería a súa recomendación á directiva á hora de confeccionar un novo proxecto deportivo?
-Agora mesmo, vendo como están os tempos, cunha crise empresarial como a que vivimos e á que te tes que adaptar coma club, a min gustaríame que se apostase polos rapaces da casa, e que se fixera un proxecto a catro ou cinco anos para voltar á Terceira con xogadores da canteira e da bisbarra. Comezar desde 0. Iso é o que faría se dependese de min, que non é o caso.
-E nese proxecto, ¿terían cabida os sete xuvenís que se licencian esta tempada no seu equipo de Liga Galega?
-Penso que si. E tamén, que no Arousa non estamos en disposición de desperdiciar a estes xogadores, que terían un custe mínimo para as arcas do club. Catro deles, Manu Conles, Celso Diz, Roberto García e Samu, xa xogaron minutos este ano na Terceira, e Fito debutara co primeiro equipo a tempada pasada.
-O último ascenso dos xuvenís do Arousa á Liga Nacional veu da man de Juan Laxes, e na tempada seguinte deu o salto ao equipo de Terceira. ¿Pódese repetir a historia?
-Non está dentro dos meus plans. Cheguei a un principio de acordo cos coordinadores da canteira para seguir dirixindo o xuvenil A a vindeira tempada, sobre a base de que se vai reforzar o plantel para dispoñer dun equipo competitivo, aínda partindo de que imos sufrir para manter a categoría. Creo que o labor de Pablo Vázquez á fronte do conxunto de Terceira foi moi bo, e ademais coñece á perfección o labor que se está a facer cos xuvenís. Para min Pablo é a persoa ideal para o posto, e a min gustaríame que seguise no club.