Mellora na defensa, seca no ataque

AROUSA

De nada lle valeu o domingo ao Arousa a sensible melloría da súa zaga trala chegada de Pablo Vázquez, ao rematar por primeira vez en tres meses un partido de Liga sen marcar

17 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Non é suficiente. A sensible melloría experimentada na zaga arlequinada desde a chegada de Pablo Vázquez ao banquiño da Lomba non está a bastar para despexar dúbidas arredor do futuro do Arousa na Terceira División. Ao contrario, a visita do Coruxo a Vilagarcía o pasado domingo deixou apuntes para a preocupación. E é que ademais de ceder os tres puntos en xogo, o equipo local rematou o partido sen marcar un só tanto. Algo que non acontecía desde hai tres meses, cando o Ordes lle endosaba unha manciña ao entón conxunto de Juan Laxes.

O 4-1-4-1 presentado por Pablo Vázquez, con Miguel por diante da defensa, mantivo a raia o Coruxo en liñas xerais ata a expulsión de Nelo no minuto 65. Iso si, o cadro vigués ben puido ter chegado á marcha do capitán local ao vestiario cun ou con dous goles ao seu favor. Antes, Moncho tivo que desbaratar dous mans a mans cos dianteiros visitantes, con Silva mandando fóra o esférico nun remate de cabeza libre de marca ao borde da área pequena á media hora de xogo.

Coas liñas máis xuntas ca con Laxes o Arousa ofreceu unha maior seguridade atrás, pero foi amplamente superado no centro do campo polo Coruxo, que se fixo co balón e marcou o tempo do partido cun fútbol veloz e con continuos cambios de traxectoria. E o Arousa, sen o esférico nas súas botas, quedou a mercede dun golpe de sorte que non chegou.

Dous únicos remates entre os tres paos asinaron os homes de Pablo Vázquez. O primeiro, un cabezazo a saque de córner de Valiñas no minuto 54, co coiro rozando a segunda cruceta. O segundo, un contragolpe de Juanito no minuto 81, que tras arrincar desde a liña do medio campo e atravesar toda a banda esquerda, fallou á hora da verdade, só fronte a Jorge Pérez, disparándolle ao boneco. Catro minutos despois, a 5 do final do partido, Costas abría o marcador, facendo xustiza ás maiores e mellores opcións de gol dos visitantes.

Xusto é dicir que o maior perigo do Coruxo chegou trala vermella a Nelo. Pero a inferioridade numérica non serve máis ca de atenuante, toda vez que a superioridade viguesa no manexo do partido e a perfecta contención do xogo ofensivo do Arousa por parte dos homes de Javier Maté foi patente desde o primeiro minuto de xogo.

Os catro goles encaixados nas últimas dúas semanas polo Arousa ante o Bouzas e o Coruxo devolven o rexistro defensivo do equipo arlequinado á etapa de Laxes, cunha media de dous tantos en contra por partido. En paralelo, o Arousa víu reducida de 1,6 a 1 gol a súa producción ofensiva, ata agora o gran activo do cadro vilagarcián. Só cabe agardar que o do pasado domingo se trate dun mero pinchazo, e que os de Pablo Vázquez recuperen a súa chispa atacante esta mesma semana. Porque boa falta lles vai facer en cuestión de días fronte ao terceiro clasificado, o Montañeros.