A solución á crise, no Monte da Vila

AROUSA

O Unión Grove comeza a disfrutar dos froitos da súa aposta real pola base, que o domingo lle permitíu un feito inédito, contar con once xogadores locais nunha convocatoria ligueira

08 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

En tempos de crise como os que corren as familias se acordan de aforrar o que antes non dubidaban en dedicar a gastos que hoxe consideran prescindibles, cando non superfluos. No mundo do fútbol afeccionado a chegada das vacas fracas produce unha metamorfose semellante en boa parte das sedes sociais dos clubs. É entón cando moitos dirixentes desempolvan o discurso tantas veces traizoado da aposta pola canteira. Esa que proporciona xogadores bonitos, baratos, e ata cando se lles dá realmente unha oportunidade, mesmo bos, convertidos en recambio das fichaxes, con máis nome pero tamén con máis nómina.

Tempos como os que corren serven de proba do algodón para discernir entre aquelas entidades que presumen de apostar pola base, e aqueloutras que, normalmente con menos ruído, demostran no día a día que o seu traballo se asenta sobre a proxección e aproveitamento do producto feito na casa.

Neste último grupo figura o Unión Grove. O pasado domingo, fronte ao Salvaterra, o seu adestrador, Serafín Neira, incluíu na súa convocatoria de 16 xogadores a once futbolistas nados ou residentes na vila meca. Unha cifra que nin o presidente do club, José Manuel Otero Iglesias, Nel , lembra no conxunto de referencia do balompé grovense despois de levar «unha vida enteira» dedicada a o primeiro equipo do municipio. Sete deles saltaron no once titular, Rodrigo Núñez, Kiko, Ameixeiro, Anxo, Seixo, Carlos e Rodrigo Castro. Outros dous saíron ao campo na segunda metade, Mon e David. E outros tantos quedaron sen xogar, o porteiro suplente, Rodrigo Gómez, e mais Álvaro Palermo. «Non lembro nunca once xogadores do Grove nunha mesma convocatoria», di o directivo. O resultado, 1-2 para o Unión.

Nembargante, para Nel o do domingo é so un paso máis. Non en van, «si lembro nove xogadores grovenses xogando de saída a tempada pasada no campo do Arenteiro, con dez na convocatoria. Todas as semanas vense sucedendo algo parecido ao do domingo, cunha media de oito ou nove futbolistas do Grove na convocatoria».

É este o froito dunha filosofía de traballo que o equipo de Nel abrazou convencido na tempada 2006/07. En parte, confesa sen o menor problema o mandatario do Unión, pola «necesidade de recurtar gastos» ante a débeda herdada na fusión entre o Deportivo Grove e o Anduriña. «A aposta pola canteira comezou desde o primeiro momento da fusión a nivel de base e do filial. No primeiro plantel había entón certa euforia. Acabábase de descender á Preferente e aínda se mantiña a máis xente de fóra cá do Grove. Pensabamos que iamos gañar a Liga de calle. Pero no segundo ano», rememora o presidente, «vimos que había rapaces do filial que o facían tan ben ou mellor ca algúns do primeiro plantel. E cambiamos».

A chegada de Serafín Neira ao banquiño do Monte da Vila mediada a segunda tempada da fusión profundizou a aposta pola canteira, traducida dous anos despois nun primeiro equipo con nove dos seus catorce futbolistas nados ou afincados na localidade meca.

Outra demostración da sinceridade da política deportiva do Unión Grove en materia de recursos humanos atopámola no seu filial. Nel non entende a aqueles que consideran «catastrófico» que o Unión Grove B estea abaixo na clasificación da Primeira Rexional. «Para nós é todo o contrario. O obxectivo do filial é unicamente formar xogadores para o primeiro plantel, e en cada xornada están indo con Serafín de tres a catro homes do B. Para nós o filial é de chapó. Fai o seu cometido, e non podemos esquecer os rivais cos que se ten que enfrontar, coma o Cambados».

«Serafín, Lois e Toño», o corpo técnico sénior do Unión Grove, «estáno a facer moi ben, e comparten connosco a nosa filosofía». E «coa nosa idea imos seguir», adianta Nel.