«O Concello do Grove está moi castelanizado»

AROUSA

Nesta nova plataforma queren levar a promoción do galego máis aló; ás guías turísticas ou aos menús, por exemplo

08 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Patricia Arias chegou hai pouco máis dun ano ao Grove para dar clases de galego no instituto As Bizocas e neste tempo xa participou activamente en varias iniciativas encamiñadas á promoción desta lingua entre os seus alumnos como o Xabaindulto e o Safari fotográfico á caza da burrada lingüística. A última é a creación da Plataforma pola Promoción da Lingua Galega do Grove, un proxecto impulsado tamén polo técnico municipal de normalización lingüística do Concello, Archi Fernández, e o concelleiro de Cultura, Antón Mascato. Da plataforma forman parte ademais os equipos da normalización lingüística de todos os centros de ensino do municipio.

-¿Por que nace esta plataforma?

-A plataforma nace buscando o medre e prestixio do idioma e para incidir na conciencia dos falantes que están cursando ensino medio e primario. Nace coa idea de que, aínda que calquera actividade cultural é positiva, en realidade non implica maior uso da lingua. Nós pretendemos discriminar actividades, buscando que incidan no prestixio social do idioma e na toma de conciencia das persoas.

-¿Cales son esas actividades?

-O proxecto forma parte dun premio que lle concedeu a consellería ao instituto (Bizocas) pola promoción da lingua no Grove e, en principio, temos catro actividades previstas. A elaboración dun libro que presentaremos o día 8 de marzo e que recollerá biografías de mulleres de O Grove partindo da idea de que estas mulleres teñen particularidades propias, porque traballan fóra da casa, son independentes economicamente, co que iso supón respecto ao coidado dos fillos. Outra actividade consistirá en que os estudantes farán un tríptico turístico no que o galego será a primeira lingua e na que e se incluirán traducións ás tres linguas de uso no instituto: o inglés, o francés e o castelán. Na oficina de información turística do Grove non hai ningún tipo de información escrita na nosa lingua. Cremos que é interesante elaborar ese material e que sexan os rapaces os que o fagan, para que coñezan as cousas bonitas que hai no Grove e para que sexan conscientes da importancia que iso ten. Coincidindo coas Letras Galegas, faremos unha xornada de portas dentro; haberá charlas e proxectaremos películas e documentos que teñen que ver co Grove, como é o documental o Novo Endem, e para que xente como Xosé Antón Barral lle conte aos alumnos cousas do pobo. A cuarta proposta é que profesores e alumnos traballen nunha campaña dirixida á hostalería, buscando que os hostaleiros do Grove presenten os seus menús en galego como primeira lingua, con traducións ao inglés, castelán e francés.

-¿Fóra do instituto teñen algo previsto?

-Gustaríame moito facelo, pero todo isto require anos. De todos os xeitos encantaríame que participara todo aquel que quixese colaborar con nós.

-¿Cren que vai haber demanda deste tipo de material, como é o caso dos folletos turísticos e os menús escritos en galego?

-Moitas veces parece que recuamos ante a presenza dos de fóra, e penso que estamos equivocados. Pode resultar moi agradable para eles saber que existe o galego e coñecelo. Non creo que agochar o galego sexa a solución, debemos sentirnos orgullosos. Non se trata de impoñer, senón de amosar, e agora hai un silencio estraño, cando menos. Non sei se vai haber demanda pero penso que cousas coma a dos menús pode pode ser ben aceptada pola xente que vén de fóra.

-¿Cal é a análise que fan desde a plataforma respecto da saúde do galego entre os alumnos do Grove?

-Non se fixo unha análise pero si se ten falado do asunto nalgunha reunión dos equipos de normalización lingüística. O Concello do Grove está moi castelanizado. Os rapaces usan pouco o galego e existe certa reticencia a usalo.

-Pois fóra do Grove hai a sensación de que se fala bastante máis en galego respecto doutros concellos da zona.

-Eu vivo en Vilagarcía e desde logo moito galego non se fala. Pero podo dicir que, no Grove, a lingua dos alumnos é maioritariamente o castelán, os rapaces son capaces de falar perfectamente galego, pero non o fan.

-¿E fóra das aulas, na rúa, cal é a situación do idioma?

-Si sinto no Grove que, se eu falo galego, a xente fala galego comigo. O Grove está nese momento de cambio no que as xeracións máis novas abandonaron a lingua pero os maiores a manteñen.

-Volvendo ás aulas. Fronte á necesidade de potenciar o galego que vostedes defenden desde a plataforma están movementos como o de Galicia Bilingüe que sosteñen que é precisamente o castelán o que está en desvantaxe no ensino. ¿Que opina?

-Ningunha persoa que coñeza a realidade do ensino pode manter en serio, e sen mentir, tal afirmación. Non creo que haxa ningunha persoa integrada no sistema educativo que se poida sentir discriminada polo uso do galego. Se falamos de igualdade de condicións, claramente o que está por debaixo é o galego.