Unha obra do Centro Dramático Galego pecha mañán a programación cultural do primeiro semestre
26 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Centro Dramático Galego puxo en marcha este ano unha arriscada aposta en apoio dos autores noveles, deixando a escrita de textos dramáticos nas mans de escritores que aínda non se estrearan na escena. Así foi como comenzou a súa andaina DramA3, que pecha a temporada teatral coa obra Estigma, que se representará mañán no auditorio.
Pode que onte os vilagarciáns xa se deran pola rúa cunhas pezas de crebacabezas, ou que hoxe atopen pasarrúas. Todo iso se enmarca, como explicou Cristina Domínguez, directora do CDG, na promoción desta obra dirixida por Dani Salgado e escrita por Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Rubial.
Onte, a directora do Centro Dramático Galego achegouse a Vilagarcía xunto con Xosé Manuel Esperante e Vicente de Souza, dous dos actores que participan na obra, e que presentaron a súa proposta na compaña do concelleiro de Cultura, Castro Ratón, e de Javier Villaronga, director de zona de Caixanova. Porque a montaxe do CDG non só pecha a súa temporada, senón tamén o primeiro semestre da programación conxunta entre o Concello de Vilagarcía e a entidade bancaria, un acordo que permitiu achegar aos vilagarciáns 13 espectáculos, máis outros 16 da man do Igaem.
O atractivo audiovisual
Cristina Domínguez asegurou que no espectáculo é evidente a pegada dos xóvenes dramaturgos que escribiron o texto, porque a obra dispón de moitos recursos atractivos para os máis xóvenes. Se quere así achegar ás salas a uns espectadores que non son os habituais no teatro.
No que se refire ao argumento, os actores xogaron ao despiste, querendo e non querendo contar. O que quedou claro é que os protagonistas son unha parella que pretende emprender unha nova vida nunha illa volcánica, pero que xa no novo escenario atopan cunha serie de personaxes sinistros que teñen moito que ver co pasado do mozo. «É unha peza -aclarou a directora do CDG- na que cinco actores, un director e os tres autores están a falar e a traballar no suspense, moi de xénero, para un público novo que se identifique con eles, de vinte a trinta anos, para atraelos a escena cunha linguaxe audiovisual e sonora que se identifique con eles».
A obra represéntase o venres ás 21.30 horas. As entradas poden mercarse na páxina web de Caixanova ou no propio auditorio o día do espectáculo. Os prezos son de once, nove e sete euros segundo a praza.