Mañá sábado, a partir das catro da tarde, o auditorio de Vilagarcía vístese de gala para celebrar a primeira final da mostra Musical Eixo Atlántico. Son seis solistas e seis agrupacións as que compiten por facerse cun dos dous galardóns -Premio Concello de Vilagarcía e Premio Autoridade Portuaria- correspondentes a cada modalidade, nun certame que aspira a converterse «en referencia tanto en Galicia e Portugal como, por que non, en España», tal e como sinalou onte o presidente portuario, Javier Gago, que colabora dende o principio na consolidación deste evento.
Na categoría solista chegan a esta final Santiago García Mella, trompetista de Lalín, que interpretará Petite Trilogie pour trompette seule , de W. P. Bon. Nicolás Gómez, trompa, interpreta Concerto para trompa nº 2 de Mozart, con Nelly Iglesias ao piano, en representación de Viveiro. Pedro Pereira, de Guimarâes, aposta pola Ballade II de Liszt ao piano. Valter Osorio, clarinete de Vila Real, pon instrumento a Introduction et air suedois varie de Bernhard e Cruselle, acompañado polo piano de Rui Cruz. Marcos Costa López, á batería, fai Improvisación 2 , de Rábade e Costa, coa pianista Alba Ferreira como representante de Compostela. E Ricardo Filipe Rodrígues fai o Concertino de Cámera de Ibert de saxofón co acompañamento do piano de Joana David en nome de Vila do Conde.
Na categoría de agrupacións cabe subliñar a Jazz Ensemble, de A Coruña, que interpreta Vuela , de J. Acuña. Ensemble de Clarinetes de Vila Real toca Rikidum , de Jan Van der Roost. Camerata Esproarte, de Mirandela, dá vida musical á Serenata para cordas Op. 48, 1º e 4º movemento, de Tchaikowsky. A Orquestra Municipal de Vigo atrévese con tres pezas - Allegro do Concerto para dúas frautas e orquestra de Vivaldi; Minueto da Suite nº 1 en Fa de Haendel; e Samba da Suit Brasiliana, de Van der Roost-. A Agrupación do Conservatorio de Vilagarcía aposta por Vals das flores , de Tchaikowsky, e Libertango , de Astor Piazzolla. E, por último, o Quarteto de Clarinetes de Guimarâes interpreta as Antigas danzas húngaras do século XVII , de Farkas.
A concelleira de Educación de Vilagarcía, Susana Camiño, cun traballo fundamental a prol do certame, agradeceu a colaboración institucional e animou a todos os vilagarciáns a gozar dunha tarde de música dificilmente igualable. E Rita Fidalgo, responsable de programas do Eixo Atlántico, anunciou que o ente reservará cada ano unha partida específica para esta mostra musical. Unha aposta pola cultura e a xuventude.