O Breogán acusa á Federación Galega de Piragüismo de abuso de poder por «roubarlle» a fichaxe dun adestrador
AROUSA
A tensa relación entre Fredi Bea e a Federación Galega de Piragüismo (F.G.P.) semella terse estendido ao Breogán-Outón Xunqueiriña. O club grovense arremeteu onte nun comunicado de prensa contra o ente federativo e contra o seu presidente, Modesto Teijeiro, dos que o Breogán di «ser víctima dun novo abuso de poder». A directiva de Félix Lamas acusa á F.G.P. de terlle roubado ao adestrador Javier Brea, que no seu primeiro día á fronte do Breogán-Outón Xunqueiriña recibíu unha oferta irrexeitable da Federación para incorporarse ao corpo técnico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (C.G.T.D.) de Pontevedra. Os responsables do club grovense explican na súa nota que «para mellorar a atención aos nosos palistas», e dado que «as ocupacións de Fredi Bea non lle permitían adicarlle o tempo que a el lle gustaría ao labor de adestrador xefe do equipo», «desde o Breogán contactamos con Javier Brea, que tras abandoar o Naval de Pontevedra, levaba catro meses sen adestrar». Logo de chegar a un acordo con Brea, «o pasado mércores dirixíu a primeira sesión de traballo do equipo e tivo a súa primeira charla cos palistas. A nosa sorpresa foi que ese mesmo día o presidente da Federación Galega de Piragüismo chamou a Javier Brea para ofrecerller un posto no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, cunha suculenta oferta económica que non puido rexeitar». A xogada causou una profunda indignación no seo do Breogán Outón-Xunqueiriña, xa que a súa directiva entende que «a función dunha Federación é a de velar polo ben do deporte e dos seus asociados, é dicir, dos clubs». Pola contra, Félix Lamas e os seus compañeiros de xunta chegan á conclusión de que «os mandatarios das federacións de piragüismo deben ter outros obxectivos no seu punto de mira», como demostraría o caso Brea, pero tamén o do anterior adestrador do Breogán, que «hai uns meses foi contratado pola Federación Española de Piragüismo sen que esta se puxera sequera en contacto connosco». Preguntas incómodas «Se as federacións de piragüismo teñen que usurpar os adestradores aos clubs», di a cúpula do Breogán «¿onde está o traballo destas federacións na creación e formación de adestradores?, ¿onde se invisten os cartos que cada ano aparecen nos orzamentos para cursos de adestradores?, ¿onde están os preto de 80 adestradores que a Federación Galega presentou no censo para que puideran votar nas eleccións?, ¿somos mal pensados ou foi casualidade que despois de catro meses sen adestrar, a Federación se acordara deste adestrador o día que se incorpora ao Breogán? ¿por que se sempre houbo tres técnicos de piragüismo no C.G.T.D., e agora van ter catro cando xa restan catro meses para o remate do curso?...». «Estas e moitas preguntas», din desde o Breogán, «quedarán sen resposta, como sempre que nos topamos coa Federación e cos seus mandatarios». Esfumada a fichaxe de Javier Brea, Fredy Bea seguirá ocupando de momento a dirección técnica do Breogán-Outón Xunqueiriña.