A agrupación musical Tabanka, formada por mulleres africanas asentadas en Burela, actúa hoxe no auditorio
05 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Cabo Verde é un pequeno arquipélago no inmenso océano Atlántico. Hai xa máis de trinta anos, un feixe de homes e mulleres decidiron procurar lonxe da súa casa o sustento que a súa propia terra lles negaba. Se non fose porque as súas illas aboian preto das costas da África subsahariana calquera diría que estamos a falar de galegos. Mais non. Eran homes e mulleres de pel morena, que acudiron á Mariña luguesa atraídos pola entón prometedora industria do aluminio. Co paso do tempo, aquilo de Alúmina demostrou non ser para tanto. Pero os morenos non se deixaron abafar e atoparon novo traballo e novo fogar na pesca e en Burela.
Dende aquela, unha notable comunidade caboverdiana habita as ruelas da vila mariñá e os mares aos que navega sen desmaio a flota pesqueira galega ao bonito ou ao bocarte, unha das máis activas do Cantábrico.
Da mestura entre dous países e dous pobos atlánticos xurde a agrupación Tabanka Batuco. A asociación fúndase en 1987, co obxectivo de dignificar a cultura caboverdiana. O traballo de etnógrafos galegos coma Lucía permite que, aos poucos, a entidade gañe corpo ata abranguer manifestacións culturais tan amplas como a fotografía, a gastronomía ou os traballos cerámicos. Mais se cadra é no eido musical onde Tabanka acada a meirande pegada.
O batuko é un simple trapo envurullado, que as mulleres colocan nas pernas para que faga resonancia. Un instrumento potente e directo cunha orixe que se perde nas festas dos antigos escravos na Ilha de Santiago, da que proceden a meirande parte dos caboverdianos galegos, que o facían soar para lembrar os sons da súa lonxana patria. Durante a época de colonización, os señoritos e os cregos portugueses tiñan prohibido cantar e tocar o tambor, mais este pano escapou ás súas arelas totalitarias. Por iso, o bruído do batuko é tamén o bruído da liberdade e a saudade da terra perdida.
Entrada gratuíta ás nove
Esta noite, a partir das nove, o público vilagarcián ten a oportunidade de comprobar cómo a percusión destas mulleres é quen de lle poñer a pel de galiña a quen as escoite. O tempo cotiá da actuación ven sendo de tres cuartos de hora. Tempo abondo, aseguran os voceiros de Tabanka, para gozar coas batukadas e coladeiras que tan ben se mesturan coa brétema cantábrica do norte de Galicia. Os seus nomes son Antonina de San Cibrao, Antonina de Cangas, Beba, Belita, Chuca, Dezidéria, Fafá, Ilda, Isabel, Ivone, Mariazinha e Santinha.