O BNG celebra o seu 25 aniversario no Salnés cunha chamada a conseguir grupo propio no Congreso

La Voz

AROUSA

Co salón de celebracións de Martín Códax ateigado por medio milleiro de militantes e simpatizantes, o BNG do Salnés conmemorou o pasado venres os seus 25 anos de historia. Houbo cea, discursos, baile e música a cargo da xente de Treixadura e de Nando Casal, membro de Milladoiro e voceiro nacionalista en Catoira. Houbo, tamén, unha lembranza á traxectoria do nacionalismo galego contemporáneo dende a creación da fronte na histórica asemblea de Riazor ate o momento presente. E mesmo unha chamada ao futuro inmediato, coa arela de que o Bloque acade grupo parlamentario en Madrid. A organización frontista quedara ás portas de conseguir o seu obxectivo nas eleccións xerais do 2000, cita na que obtivo o seu mellor resultado e a súa meirande representación nuns comicios ao Congreso, plasmada en tres deputados. O reto é, pois, moi complexo, mais os recentes acontecementos parlamentares, co acordo que o BNG e o Goberno socialista pecharon para adiar a recusación da controvertida ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, dan novos azos aos nacionalistas. Así o afirmou a deputada por Pontevedra Olalla Fernández Davila: «Se entre dous somos quen de conseguir beneficios así para Galiza, ¿que non poderiamos facer cun grupo propio?», preguntouse a congresista logo de ser presentada polo responsable comarcal da formación, Duarte Correa. De Riazor a Martín Códax Mais se alguén pode lembrar en primeira persoa o camiño percorrido polo BNG dende aquel intre fundacional en Riazor ata a mesma celebración en Martín Códax, este é o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. Por algo el mesmo foi o coordinador daquela asemblea de 1982 e o encargado de redactar as súas actas. O discurso de Canal bebeu das fontes clásicas do Bloque, tanto no seu contido coma na súa modulación. Problemas que seguen a ser os mesmos que hai 25 anos, normalización da lingua, artellamento e posta en valor dos sistemas produtivos e asunción da dignidade propia como país foron debullados polo conselleiro, claro que dende unha óptica inédita ata hai dous anos: «Agora -subliñou- o nacionalismo está no goberno do noso país». Un nacionalismo, engadiu, que constitúe o «hábitat natural e acaído do pobo galego»