Entrevista | Miguel Ángel Pérez Convencido de que non hai dous sen tres, Pérez non dubida da súa victoria nas urnas
12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?n pequeno accidente teno asociado a dúas muletas, e así fará campaña. Pero o ánimo de Miguel Ángel Pérez, que aspira ao seu terceiro mandato consecutivo, fica intacto. -Que mala pata, ¿non? -Si, nunca máis oportuno dicilo. Foi un pequeno accidente, pero no momento que estamos a vivir vén peor que nunca. -Véselle moi tranquilo. -Non me preocupa en absoluto. Home, loxicamente estas mancado e a túa mobilidade vese reducida. Pero máis nada. A moral non falla, e aínda a pata coxa imos facer un papelazo. -Isto teño que preguntarllo. ¿Gústanlle a vostede «Os Simpson»? -Xa vexo por onde vas. Pois mira, a verdade é que non acostumo a velos. Vexo pouca televisión, pero, oes, non me desgustan. -Disque ten vostede un gran parecido con Ned Flanders, aínda que en realidade igual ten máis que ver co señor Burns... -Non coñezo os personaxes ata ese punto. -O que quero dicir é que se cadra ten vostede unha imaxe branda, pero en realidade controla bastante ben o seu entorno. Paula Janza xa non está, Ana Isabel Domínguez tampouco. Pero vostede continúa aí. -Ben, iso é unha interpretación que fai o xornalista neste caso, é o seu labor. Pero eu non o vexo así, aínda que finalmente fose ese resultado. Nunca se deron pasos premeditados para que esta situación se producise. En ambos casos as baixas son voluntarias, e elas seguen sendo membros do PP, aínda que non tan activos como cando tiñan responsabilidades. E o máis que sei dos Simpson é ese parecido que me outorgan. -¿Moléstalle? -En absoluto. É algo que non me preocupa. -Imos ao miolo. ¿Como chega o PP á campaña? -Razoablemente ben e razoablemente fortalecido. Iso demóstrano os oito anos de traxectoria no goberno. Abonda con botar unha ollada atrás. No Grove non tiñamos máis ca circos con liortas entre os distintos grupos, e incluso dentro dos propios grupos, rachando gobernos, equipos, falando de mocións de censura dúas ou tres veces por mandato. Diso pasouse a unha etapa de paz institucional fabulosa. Iso permitiu gobernar, aínda que en minoría, con garantías e un éxito razoable. Entendo que iso é unha fortaleza. Así chegamos nunha situación envexable por calquera. -Houbo, con todo, problemas. ¿Cre que a marcha do cuiñismo ou agora a de Ana Isabel poden pasarlles factura, contribuír a desmobilizar o PP? -Non é un problema que nos preocupe especialmente. Calquera dos procesos aos que fas referencia non foi premeditado. Tampouco se traduciron en consecuencias irremediables. As persoas, absolutamente todas, están invitadas a seguir participando na vida do partido. Algunhas, por razóns obvias, afástanse da primeira liña. Pero o partido segue vivo e non observamos maiores problemas. -É vostede o alcalde que máis respaldo, oito edís, tivo nunca no Grove. -Nin nunca tampouco repetira mandato ninguén. -¿Cal é a fórmula? -Traballo, moita confianza e contacto estreito cos veciños. E moita tranquilidade nos plantexamentos. Non obsesionarse con cuestións digamos grandiosas, senón apostar polas cousas máis achegadas, os servizos que teñen máis en conta as persoas. Na primeira etapa acertamos a rachar una dinámica de estancamento en canto a actuacións grandes, pero ao mesmo tempo rachouse tamén coa dinámica nada participativa da xente. Iso traduciuse nun apoio importante sen crispación. Esquecendo aquelas mensaxes absolutamente derrotistas, como algunhas que estamos a escoitar nestes momentos. -Sinceramente, ¿é posible a maioría absoluta? -Sería notable chegar a conquerila e, de feito estamos traballando para iso. Pero non oculto que, aínda que estamos moi satisfeitos co resultado que obtivemos no mandato anterior e coas perspectivas que temos nestes momentos, si é difícil. -Acúsanlle a vostede de deixar pasar a oportunidade de acadar os grandes investimentos. -Non esperaba que os meus contrincantes me estivesen a felicitar, e menos agora. É o discurso típico dunhas eleccións. Pero os feitos están aí e o que se palpa é o contrario. O que se percibe na xente non ten nada que ver con iso. Non serei tan hipócrita de non recoñecer que houbo cousas nas que non estivemos tan acertados. Pero todo iso sempre ten un motivo e, aínda asumindo a parte que nos corresponde, a realidade para nada é esa. -A dereita sempre padeceu escisións. Agora, semella que a tosta deu a volta e lle toca a esquerda. ¿Cre que os pequenos partidos son positivos? -Claro que non son bos, nin para as formacións políticas nin para as institucións. Pero sucede, a lexislación o permite e, se cadra, son reflexo da nosa sociedade, polo tanto hai que asumilo. A pesares dese pequenos amagos, son oito anos dun equipo forte, que nunca rachou, en contraposición co que temos enfronte; cinco partidos pequenos e cabreados. Agora, que cada un apechugue co seu.