O pombal A primavera adiantouse e, como ao peor non dura, quen máis quen menos quixo aproveitar. Os paseos e as rúas enchéronse de xente e ata houbo quen sacou o bañador
12 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Será polo cambio climático ou será casualidade, a saber, pero poucos pensaban que o bo tempo chegara tan de súpeto e con este brío. De chover e ventar a escachar pasamos en poucas horas a sacar o bañador do armario, e non é unha esaxeración. Non houbo máis que darse unha voltiña polas praias de comarca para corroboralo. Eu tiven a sorte de andar pola Lanzada esta fin de semana e dou fe que había xente bañándose a pelo -outra cousa son os surfeiros que co neopreno bátense coas ondas todo o ano- e co bote de crema protectora na man. Sen tempo aínda para lucir os modelos da temporada, moitas rescataron o bikini e fixéronse a depilación de urxencia para ver se adiantaban o moreno. Non era para menos. O sol quentaba e o mar brillaba coma en xuño. Nas estradas, tamén E claro, con tanto afán por catar praia houbo atasco na estrada. A antiga comarcal que vai de Vilagarcía a O Grove presentaba o domingo pola tarde un aspecto que recorda a outros tempos. Coa vía rápida aínda pechada por obras -o primeiro treito abriu onte- todo o tráfico coincidiu, de xeito que á altura de Dena xa había cola e os condutores tiveron que armarse de paciencia, coma si do primeiro fin de semana de agosto se tratara. Pero non só no Grove e Sanxenxo houbo cheo. As praias da Illa, de Vilanova e Vilagarcía tamén se encheron de toallas e xentío, e os que non baixaron á area gozaron do sol indo de arriba a abaixo polos paseos marítimos ou tomando un xeado na terraza do bar da esquina. Onte asomaron as nubes pero din os do tempo que o sol volve. A cousa era que aguantara ata o sábado.