Arousa en vea teatral e erótica

La Voz

AROUSA

O pombal A cousa está que arde. Mentres os rapaces de Seda se deixan caer pola noite arousá, Quique San Francisco quenta motores para actuar o martes no auditorio de Vilagarcía

10 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Xa hai quen anda contando os días para que remate esta semana de transición cara o Salón Erótico do Atlántico, que Fexdega acolle dende o vindeiro venres por segunda vez. Para que ninguén esqueza a cita, os rapaces de Seda andan xa promovendo o evento a horas nas que a programación infantil non é un problema. Velaí a súa idea para esta mesma noite. A partir das dúas e media comezarán un percorrido que os levará polos locais Licuore, Tres tempos, Metropol e Canelas. Vale, vale, non se me amoreen, acouguen e lean con tranquilidade o plantel que se paseará polos pubs arousáns. Abre a comitiva Conrad Son, o director artístico do salón e autor de varios títulos do porno soft e hard español dos últimos anos, que, como un Hitchcock lixeiro de roupa, gusta de aparecer nas súas propias películas. Á súa beira, Evita de Luna, actriz e presentadora que ofrece a Seda a súa imaxe. Completa o trío a vertixinosa Soraya Rico. Eles servirán o aperitivo das novidades que prepara o salón erótico vilagarcián. A saber, duplicación dos artistas masculinos, o aerostrip, un xeito de aeróbic lixeiriño, conferencias, literatura e demais, a un horario competitivo: de seis da tarde a tres da mañá. Que vaia ben. Misterioso asasinato no auditorio Non sabemos se Quique San Francisco ten noticia do que vai pasar en Fexdega o venres. Porque de sabelo, non sería estraño que decidise prolongar a súa estadía na cidade. O bo de Quique chega este martes ao auditorio municipal da man de Caixanova e o Concello de Vilagarcía. A peza a escenificar, Misterioso asasinato en Manhattan, une a dous mitos contemporáneos. A esta beira da poza atlántica, o señor San Francisco, corrosivo actor e monologuista, con ampla traxectoria no cine, o teatro, a televisión e a cervexa. Dende as praias neoiorquinas, Woody Allen, perpetrador da versión orixinal, fílmica, que el mesmo protagonizou. Dirixe Francisco Vidal. As entradas poden adquirirse a través de teléfono 902 504 500 ou a web www.caixanova.es. Os prezos, 15, 13 e 11 euros, non poden ser escusa. Desaproveitar a ocasión sería de parvos.