O xeito de vivir de Elise e Frank

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

O pombal Son canadenses e levan 26 anos navegando xuntos polo mundo. Onte estiveron en Vilagarcía para contar a súa vida de aventura, unha vida na que non hai hipotecas

20 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Alí empezaron en 1980 a súa travesía xuntos. Frank Cotton xa cumprira os 40. Vendeu a súa granxa e fixo un anuncio buscando compaña para facer travesía ata México. Elise Gagnon o veu e, con pouco máis de vinte aniños, deixou todo, familia e carreira de Belas Artes, para embarcarse cara o descoñecido. Daquela non podía pensar que aquela arroutada de xuventude ía converterse na súa forma de vida. De ser só o patrón do barco, Frank pasou a ser o seu compañeiro e así seguen. ¿Xubilarse desta vida entre mares?, lle preguntamos. De momento só o están pensando porque teñen moi boa saúde e o corpo aínda lles da para volver cruzar o Atlántico. Ao final, quizais se instalen nese terreo que Frank posúe nunha pequena illa situada ao carón de Vancouver e lle dean descanso aos osos e monten ese museo de artesanía mariñeira que veñen alimentando desde hai anos. A súa propia colección de veleiros Pero de momento, Frank e Elise e a súa colección seguen en ruta e a súa última parada foi no Club de Mar de Vilagarcía. Alí estiveron onte, invitados polo Liceo-Casino, para contar a súa experiencia e para amosar o súa exposición de barcos. Son máis de cen veleiros do mundo elaborados cunha vella técnica que empregaban os mariñeiros. Entón usábase dentes e osos das baleas. Hoxe Frank e Elisa gravan as siluetas dos barcos en óso de vaca que colocan sobre madeira de takamaka do Índico e sobre placas de abeto cortadas do mastro da embarcación. Trátase dunha curiosa colección que xa percorreu catorce países e que hoxe aínda pódese ver ao carón da ría. Unha travesía por 33 países A exposición é moi interesante pero eu coido que aínda o é máis a súa vida. Nunha época na que o modelo hippy está xa superado e na que obxectivo principal pasa por acadar seguridade no traballo e un piso con praza da garaxe, a peripecia desta parella resulta aínda máis atractiva. Un xeito de vivir que no caso de Frank dura xa corenta anos, pois xa antes de embarcarse con Elise tiña a súa propia historia de aventureiro percorrendo Europa e América a dedo e sen unha chica no peto. Porque estes canadenses coñecen moito mundo -levan visitados 33 países- pero a súas non son viaxes de millonarios. Viven con poucos cartos -o que sacan da venda dos seu traballo artesanal- e logo do que pescan do mar, algunha froita que lles regala a natureza e da xenerosidade da xente. A súa conexión co mundo e a radio de onda corta que levan no Ouais-Ouais , un barco, por certo, construído por Frank en 1969. Aproveitou os seus coñecementos de albanelería e logrou botar unha embarcación con casco de formigón. Hoxe segue atravesando mares e océanos, e tamén ríos. O Ouais-Ouais navegou polo Amazonas, unha singradura que Elise ten aínda moi fresca na memoria e non só pola beleza e exotismo daqueles paraxes. Alí foi onde pasou un dos momentos de máis medo porque viu como uns homes na escuridade da noite trataron de subir a bordo. Frank colleu un pau -porque non levan armas- pero ao final, e afortunadamente, só quedou nun susto que sumar á folla de ruta. De tódolos xeitos non é Elise unha muller que presuma dunha vida chea de aventuras e riscos. Si, en tantos anos e facendo tantas millas, pasan moitas cousas e hai tempo para todo: tamén para verse coa auga ao pescozo. Pero non é para tanto, asegura, e se difíciles de levar son as tormentas no mar non o son menos a calmoseiras que che deixan dúas semanas á deriva, baixo un sol implacable. Só en caso de moito apuro usan o motor. Chegar a porto resulta un alivio moitas veces -en Galicia estiveron hai dous anos a conta dun encontro de embarcacións tradicionais e decidiron volver- pero pronto empezan a botar de menos o pracer da navegación, a soidade e o silencio das velas. Elise deixou a súas acuarelas polo oso de vaca e a súa comodidade en Quebec por unha existencia chea de incertezas e sen familia, tamén sen fillos. Pero non ten sitio para a nostalxia. ¿Por que da unha persoa a un cambio tan radical? Elise nos contesta nun español afrancesado: «Como diría Frank la pregunta que debería hacerse es ¿y por qué no?». Cada cal que busque a súa resposta.