O pombal En Cambados hai actividades para todos os gustos. En Exposalnés proxectáronse cinco curtametraxes e en A Merced continúan as actividades para os máis cativos
27 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A de onte foi unha boa oportunidade para coñecer que se move no sector audiovisual galego. Baixo o título Curtas no Nadal a Consellería de Cultura e Mr. Misto Films organizaron unha sesión cinematográfica na que se proxectou unha selección das mellores curtametraxes. Unha mágoa que á cita non acudiran demasiadas persoas, pois a ocasión ven merecía a asistencia Cinco proxeccións A sesión comezou coa cinta El gran Zambini , que conta coma a incrible bala humana é capaz de chegar á lúa nun só disparo. A fonte foi a seguinte en ser proxectada, unha divertida curta de animación que amosa o xogo que pode dar unha fonte. A historia de como se prepara un pintor para ter unha fecunda xornada creativa foi contada en O Conxuro . Para rematar, emiteuse KM 53, no que dous paxaros que saben moito de coches están sempre agardando a que pase algo mentres vixían enriba do seu cartel do quilómetro 53. Vamos, que houbo historias para todos os gustos. Unha nova oportunidade Para aqueles que non puideron asistir a primeira destas citas, que saiban volverá haber unha nova sesión. Será o vindeiro 3 de xaneiro ás doce da mañá no centro comarcal do Salnés. Entón proxectaranse El examinador , Promesa , O Boiro e Bucowsky. O que si que teñen éxito son as actividades para os cativos que estes días organizan todos os concellos arousáns. Tanto, que na maioría deles é preciso terse inscrito para poder asistir, porque os locais rematan quedándose pequenos para acoller a tanto cativo. En Cambados, os obradoiros impártense en todas as parroquias do municipio, segundo os días. Onte os protagonistas foron os rapaces do casco urbano. No centro sociocultural de A Merced puideron pasar a mañá lendo contos, elaborando adornos e xoguetes e participando en todo tipo de xogos. As actividades prolongaranse ata que rematen as vacacións de Nadal.