En dous minutos | O IES Monte da Vila presenta curtametraxe De ser un exercicio do obradoiro de teatro, «Ámame Alfredo» convertiuse nun proxecto que ilusionou a estudantes e mestres
09 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Cando a sala quede a escuras e empece a proxección de Ámame Alfredo, os estudantes do instituto Monte da Vila atoparanse cunha historia sabida: mozo coñece a moza. Namóranse, casan, e cando están a piques de ser pais, ela enferma e morre. «Pero morre no capítulo tres... O que ven despois non se pode contar». Quen interrompe a narración é Toño Pena. El é o responsable do obradoiro de teatro do Monte da Vila. E el é tamén o culpable de que uns quince rapaces deste instituto teñan creado un proxecto no que o teatro se mestura co cinema. No que a música substitúe ás palabras. No que a cor se viste de branco e negro. O ano pasado, Toño decidiu explorar a capacidade dos seus alumnos para comunicarse a través de xestos. E convenceunos para que se convertesen en árbores, ou en calquera cousa, sen soltar palabra. De tanto probar, os rapaces colléronlle o gusto ao silencio. E así xurdiu a idea de facer unha obra de teatro muda. Algo poucas veces visto. «En principio, os protagonistas íanse coñecer por culpa dun teléfono móbil. Pero un día vimos unha foto dunha voda dos anos vinte, e decidimos cambiar a historia para aqueles anos. Dese xeito, tamén se lle rende homenaxe ao cine mudo», explica o profesor. Os rapaces bucearon nos recordos dos seus avós e nos fallados da casa para encher a obra de realismo. E alí onde non chegaba a realidade, os rapaces utilizaron o inxenio e converteron cartolinas en sombreiros, e papel hixiénico en tocados dignos dunha voda. Despois de se converter nun éxito como obra de teatro, Ámame Alfredo deu o salto ao cinema. Hoxe, a curta será estreada no Monte da Vila. Haberá nervios e ilusión, como en todas as estreas que se precen. E, de seguro, haberá silencio. Porque en canto a música empece a sonar, o público quedará atrapado pola historia de Alfredo e Violeta. Unha historia na que a banda sonora remarca os momentos de felicidade e de dor. De nacemento e de morte. Os momentos, en fin, dunha vida.