CON GOTAS
09 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.NOVE da mañá. Praza de San Roque. Unha paisana arrea un caldeiro de auga polo sumidoiro. A auga, cheíña de borra e xabón, vai parar ao aliviadoiro da praia. Un pequeno anda enredando. A nai berra como ánima sen sudario ao ollar o escume noxento a carón do seu fillo. As voces espertan a unha mariscadora, que bota unha ollada. ¡Vertido! Chama correndo ao patrón maior, que colle o coche a fume de carozo, plántase na consellería e pide a axudiña. Alí xa están os mostrencos gandeiros que trabaron as patas dos seus cabalos e agora queren pesebre porque seica vén o lobo. Ármase un tiberio. Chegan ás mans. Un funcionario leva o seu ao tentar separalos e volta a Vilagarcía cun ollo á virulé. Entra no seu portal de San Roque a chou e envorca o cinceiro todo. Nove da mañá. Unha paisana arrea un caldeiro de auga polo sumidoiro...