A festa está na variedade

La Voz R.E. | VILAGARCÍA

AROUSA

En dous minutos | O Grove prepara o San Martiño Teatro, mercados populares, baile, exhibición de coches antigos... O programa festivo argallado por Concello e asociacións xa está na rúa

24 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O mes de novembro está a chamar á porta. Con el chega unha festa que sabe a castañas: o San Martiño. No Grove xa andan a voltas co programa de actos para esa celebración. Como cada ano, o Concello, as asociacións do municipio e os colexios argallaron unha oferta variada, pensada para que todo o mundo atope algo que facer. Os actos do San Martiño arrancará o primeiro de novembro, cando se inaugure na casa de cultura unha exposición moi humana. Trátase da mostra De parapléxico a construtor de violíns, un percorrido fotográfico pola vida de Juan Gorgojo, un rapaz que quedou parapléxico despois de sufrir un accidente. O teatro é un dos alicerces do programa de actos. Pensando nos nenos de primaria, o venres día 3 porase en escea a peza O espíritu do bosque, e o día 10 Linocho e Lúa. Ambalas dúas citas serán na casa Manuel Lueiro Rey. O sábado 11 de novembro será o día grande da festa. Ese día haberá moito que facer. Ás 11.30 haberá xogos populares, globoflexia e maquillaxes na praza do Corgo. E ás doce, haberá misa solemne na igrexa parroquial, cantada pola coral polifónica da confraría. O mesmo sábado, pola tarde, haberá máis xogos populares. E unha concentración de vehículos clásicos populares, e un gran magosto popular. E o impresionante desfile de meigas e pantasmas polas rúas do Grove, con concurso de cabazas inluído. Despois do desfile, a eso das oito e media da noitiña, representarase na casa de cultura a obra Asamblea de mulleres. E pasamos ao domingo. Ese día, os vehículos clásicos volveran percorrer as rúas do Grove. Serán madrugadores: a procesión arrancará ás dez e media da mañá. A partir das doce, o protagonismo recaerá no terceiro Mercado tradicional de Enxebre, que se desenvolverá na Praza de Arriba. Ademais, durante toda a xornada realizarase unha exhibición de bailes de salón puntuables para o campionato de España. Achegámonos ao fin de festa. O mércores, día 15, ás once da mañá, haberá un espectáculo de contacontos para nenos de educación infantil. E a finais de mes desenvolveránse, nos colexios da localidade, uns talleres de Medio Ambiente pensados para que os nenos coñezan o mundo dende O Grove. Mediante diversas actividades os rapaces poderán coñecer ben a Península Ibérica. Pero poderán tamén achegarse a lugares como os Alpes, Sudáfrica, Amazonia, Patagonia, Himalaya, ou A Antártida.