«Todo isto debeuse facer moito antes»

Crónica | O barco da memoria arriba a Vilagarcía Algúns caeron de seguido, outros moitos viviron para morrer sen ver os seus nomes e os da súa xente rehabilitados. O tempo é chegado, ao cabo de setenta longos anos


vilagarcía

AS CARAS DA LEMBRANZA.Carme, filla de Antonio Meaños, asasinado en Carril, e Lelucha e Paco, fillos de Francisco Diz, reuníronse onte no Concello con familiares dos outros vilagarciáns represaliados?Isto é unha alegría moi grande, pero sería aínda mellor se el puidese ver o que se está facendo. Debeuse facer moito antes, porque tiveron ocasión. Agora hai moita xente que non está». Así falaba onte, no Concello de Vilagarcía, Manuela, Lelucha, filla de Francisco Diz del Valle. Dous anos agachado, condena de trinta anos dos que cumpriu dous, e cárcere vital durante o resto dos seus días, sen poder traballar, apestado polas súas ideas e unha sociedade sometida ao medo e á miseria que marcou certo xeneralote iluminado, como quen marca o paso no cuartel, a lume e sangue.O seu irmán, Joaquín, que fora patrón maior de Vilaxoán, foi quen levou a Elpidio Villaverde, primeiro alcalde republicano, deputado polo Fronte Popular, ata Sálvora. Dende alí puido partir cara Portugal e salvar a pel nun galeón do sogro de Marcelo González, vello loitador e testemuña de excepción daqueles tempos. Joaquín tivo unha sorte miserenta. Fórono buscar no seu agocho de Rianxo. Disque o mataron en Padrón, e que mesmo algún desgraciado deu en xogar á pelota coa súa cabeza. Hoxe as mesmas escenas, en África, poñen os pelos de punta. Pero isto pasou aquí, hai setenta anos. Lelucha e Francisco, Paco, o seu irmán, reuníronse no salón de plenos cos familiares de Antonio Meaños, asasinado en Carril coma un can por un veciño, deses de porta con porta aos que a camisa azul trocou de fariseos en alimañas. O seu pai tivo que lle recoller os miolos nunha gorra. Mesmo o crego de entón, don Ricardo, dixo del que era unha boa persoa, que nunca lle faltara. Non abondou. Ter corazón non para as balas. Carmen, a filla, fala, coa memoria da nena de oito anos que era, de todos os detalles daquela noite, mesmo da roupa que puxo Antonio antes que o levasen. «Non te vistas tanto, que non o vas necesitar», díxolle un daqueles desgraciados. A obriga de seguir vivindo a carón do asasino ten que doer ata no último recuncho da alma. Non houbo outro remedio. Pero si moita fame, maratóns a pe para vender peixe, traballo ata caer rendida. A nai toleou. Os tíos, algúns no lazareto de San Simón, algúns agachados, mesmo na casa dun falanxista. Que bo é ter un amigo no inferno. As tías, rapadas como estigma social. Escoitar a Carmen tamén doe. Algo se remove por dentro. Mais ela non está disposta a calar: «Xa me poden levar onde queiran, que eu sigo cantando». Con Carmen sentaba Marcelo, pelexou na guerra, estivo no afundimento da Baleares, rompeu o cerco do Cantábrico nun cargueiro camuflado; cando todo rematou a traidora retórica dos gañadores levouno a un campo de concentración. E Antonio Alejandre, un dos últimos maquis de Vilagarcía. Nove días no monte e catro anos na cadea. De San Simón saíu con vida de milagre. De seis que meteron coma gando nunha camioneta cara a Pontevedra só chegaron dous. Os outros catro, tiroteados na cuneta. E Andrés, fillo de Juan Roo e sobriño de Luís Iglesias. E Manolo; ao seu pai, José Rey, despachárono na Lanzada e nunca máis se soubo. Falar, tamén, de Javier, fillo de Secundino Abelenda, 17 anos preso, non deixou o cárcere ata o 52. E da lembranza de Julián Iglesias del Río e Eduardo Ferreirós Boullosa, presidente e vicepresidente do ramo do mar da CNT, mortos os dous no Pousadoiro o 23 de agosto de 1936 con crueldade extrema, emasculación incluída. O barco da memoria arriba o luns a Vilagarcía, o derradeiro porto do seu periplo. Ao cabo recibirán a homenaxe que a historia lles adebeda. Para case todos, como di Lelucha, chega tarde. Pero chega, e debería ser xa para sempre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Todo isto debeuse facer moito antes»