VENTO DA TRAVESÍA | O |
12 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.UN NON anda nas altas finanzas e, non entende desas cousas. Ao non poder ser financeiro, por obvias razóns, tampouco coñece os mecanismos precisos, nin as estratexias, nin as rendibilidades. Todo o mundo sabe, que, nestes últimos tempos, houbo unha polémica por mor de que o construtor sr. Pérez, por máis señas presidente do Real Madrid, comprou a bo, para o Banco de Santander, prezo un mundo de accións de Unión Fenosa competindo con outro poder económico multinacional de orixe galega e, por ter pagado máis, fíxose cunha cota de poder importante que lle permite dirixir esta empresa con consumidores en todo o Estado. Fai menos días recibiuse na prensa como boa noticia que outro emporio económico, de orixe galega, tamén investiu na indicada Unión Fenosa e incrementa a presenza de iso que se dou en chamar capital galego na eléctrica. Producíronse declaracións de diversos responsables políticos no senso de recibir con alegría a decisión deses capitalistas galegos de pór cartos nesa entidade. E aquí está o meu desconcerto. ¿E por qué se poñen tan ledos estes políticos nosos?. Porque un non acaba de entendelo: ¿Será, acaso, porque cando goberne o capital de orixe galega, váisenos a baixar o prezo do recibo da electricidade?¿Ou será que vamos a recibir en Galicia mellores condicións de servizo?. Tamén pode ser que agora teñan máis conciencia de que a enerxía sae dos recursos públicos de por aquí, ¿ou non?. Por iso, desde esta óptica, que so pensa que as inversións se fan para buscarlle rendibilidade e que o color dos cartos non ten orixe nacional, non acabo de caer na conta dos beneficios que supoñen que os beneficios os leve capital galego. Entendería que os políticos lexislaran mellor sobre o prezo destes consumos e sobre a exportación da enerxía a partir dos recursos naturais galegos. Pero, claro, como están tan contentos có capital galego, non sei.