Argumentos

La Voz

AROUSA

AREOSO JUANMA FIGUEIRO | O |

25 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

LOGO DE cada consulta electoral, adoito ler as causas que alegan os políticos como explicación dos resultados. O máis habitual é que case ningunha me convenza. Os discursos nos que todos se presentan como gañadores, aínda que perderan ou a victoria non lles valga, abúrrenme por tópicos e previsibles. E non trago coas razóns de quen, máis que argumentos, aporta xustificacións. Por exemplo, o PXOM ven de ser presentado como unha das razóns da baixada significativa que o PP tivo no Grove, porque alguén «se encargou de malmeter» con el, segundo o alcalde. Pero coido que este razonamento non dá na diana, porque por unha banda atribúe aos veciños a ignorancia de que este Plan Xeral foi consensuado pola maioría dos concelleiros, e por outra supón que os electores confunden os asuntos municipais cos autonómicos. E, en xeral, non acontece así. As apelacións á ignorancia, ao deixarse convencer, á falta de «cultura» democrática, xa non son dixeribles. As persoas (non os pobos, nin as comunidades, nin as tribus) votan o que elixen votar segundo os criterios que máis lles importan. A quen non lle gusten os resultados pode debullar os miolos, se queren, pero eso é o que hai.