NA ÚLTIMA | O |

28 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

COMEZOU SENDO unha sóa vez á semana, normalmente o mércores, despois da hora do café. Dun tempo a esta parte, o ritual repítese tamén os venres e os sábados. Entre a primeira modalidade e a segunda, incorporouse ao grupo unha terceira persoa, que é a que máis xoga á lotería. Dí un compañeiro da redacción dende a que se escribe esta columna que o que falla é a esperanza, pois normalmente cada un dos do pequeno grupo de ludópatas controlados acompaña o xesto de tenderlle o boleto a loteira, para que comprobe se tocou, cun movemento da man cara a carteira para pagar a próxima aposta. Sen embargo, eu discrepo da súa interpretación. Non é cuestión de fé, senón de mercar un pouco de tempo para soñar co que se faría se a un lle tocara a lotería. Nos últimos tempos, a felicidade conséguese moitas veces en doses pequenas comprando sensacións: un concerto, unha película, montar nunha atracción de feira ou o bo viño que acompaña a unha comida, por exemplo. Un euro por soñar unha semana enteira parece un prezo razonable. O disparatado é facerse millonario invertindo unha soa moeda.