Darwin en San Caetano

JUANMA FIGUEIRO

AROUSA

AREOSO | O |

25 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

POIS RESULTA que, sin sabelo, temos entre nós o último achádego da evolución humana. A saber, o funcionariado galego, unha nova especie destilada durante xeracións en barricas de carballo da máis alta alcurnia. O funcionario (¿americano?; non, galego) non é un abrollo casual que poida aparecer en calquera recuncho do monte, senón o resultado dunha coidadísima selección natural. Como o café de Colombia, pero en plan boina. A funcionario (¿alemán?; non, home, galego) non chega calquera descastado. Cómpre estar dotado dunhas particulares características xenéticas que afunden as raíces, como mínimo, no século XIX. Este é o único xeito de garantir que o ADN estea depurado de borrallas e impurezas que limitarían a perfección do espécimen. Esto é o que non entenden os radicais que falan de clientelismo, trifásicos ou mercadeo de exames, que din esas cousas porque non tiveron educación, nin cultura. É o que ten a envexa, que o volve radical a un. Calquera que pola mañá se achegue a San Caetano, en Santiago, verá unha riada de persoas que van tomar café ou veñen de volta. Se está vostede no caso, fíxese ben nelas, porque o futuro agóchase nestas catro sílabas: Fun-cio-na-rio. (¿Xaponés?; galego, por favor, non se confunda).