Unha illa dentro da illa

Camilo Franco VILAGARCÍA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Obituario | Xaquina Trillo Sánchez Foi muller e poeta nun tempo no que era difícil ser cada unha das dúas cousas por separado e aínda lle quedou vitalildade e ganas para ser galega e presumir delo

11 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Agora está de moda ser muller e poeta. Está de moda pór o acento feminino nos versos e lembrar esa liña case xenética que une á poesía galega co deslumbrante nome de Rosalía de Castro. Agora é moda ou tendencia ou corrente e está ben porque hai en todo un certo indicio de normalidade que ninguén rexeita. Pero houbo un tempo en que non era así. Houbo tempo próximo e intimidador no que ser muller e ser poeta era como vivir nunha illa dentro doutra illa. Ser muller, poeta, galega, escribir en galego e levar todo esto con orgullo era vivir a contracorrente do cotián e facer formulación directa de que as utopías son necesarias. Esa, e non outra, foi a circunstancia de Xaquina Trillo (Vilagarcía, 1916), unha circunstancia que lentamente destilou na súa actitude vital, mesmo antes que na súa obra poética, finalmente entregada a cantar (verbo que xa non se utiliza para os poetas de agora) as cousas que faltaron. E faltaron moitas. Entre tantas faltas: país, lingua, libertade, igualdade e mesmo a fraternidade en algúns casos, Xaquina Trillo tivo tempo de ir depositando os asuntos poéticos sen deixar o espazo propio da estética, mesmo nun tempo no que practicar certas estéticas era pecado de abandono ou de lesa patria ou de malos entendidos ou de non saber que Mao escribiu que a mellor arte era aquela que era mellor. Quizais Xaquina precisou de aire moitas veces e tomouno de Xanela aberta , tentando buscar espazos nos que concidiran na mesma poesía o compromiso e a lírica. Intención complicada mesmo en tradicións culturais asentadas, maduras, normalizadas. Máis en Galicia, máis se chegan da man dunha muller. Como tantas mulleres predicou co exemplo e como tantos galegos pensou que no pasado había moitas claves para un futuro que nunca se sabe se chegará. Tempos idos é un título que marca esa liña, pero non hai que deixarse enganar pola chamada da melancolía ao pasado. Non era esa a militancia de Xaquina Trillo, senón a da vitalidade da recuperación, pola definición dos argumentos e das palabras como instrumento para recuperarnos, para volver ser, para ser mellores. Asuntos que son obvios desde o razoable pero que seguen a ser metas que Xaquina Trillo viu para nós no horizonte.