VENTO DA TRAVESÍA | O |
29 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.ESTE PRECEPTO constitucional é, sen dúbida, ó que se lle da máis voltas na vida diaria dos tribunais. Fala da tutela xudicial efectiva, prohibe a indefensión, afirma o dereito a ser defendido polo Letrado, di que as dilacións son indebidas, e relata unha serie de cuestións que buscan que calquera que teña que acudir á xustiza goce de plenas garantías. Tamén fala dunha cuestión que pode estar de actualidade no Salnés: o dereito ó xuíz ordinario predeterminado na Lei. Son pois, catro verbas claves: zuíz, ordinario, predeterminado e Lei. Por xuíz enténdese tanto cando se trata dun órgano unipersoal coma dun pluripersoal, e en tódolos ámbitos xurisdiccionais. Ordinario non fai referencia a maleducado, nin se identifica sempre con xuíz natural e só quere dicir que non pode ser especial nin excepcional. Predeterminado implica que a lei que da competencias a un xuíz ten que facelo antes do caso que se vai a axuizar. E, por último,Lei, por canto a competencia dun xuíz ten que extraerse dunha norma con rango de Lei que, ademais, tamén o fai independente do poder executivo e, por outra banda a Lei que regule a creación e límites da xurisdicción dos Tribunais terá que ser, non unha lei calquera, senón unha Lei Orgánica. Así está a cuestión: o dereito a un xuíz ordinario predeterminado pola Lei é, sen dúbida, unha garantía constitucional que por un lado, fai ó xuíz independiente do poder político, e, por outro, protexe ó cidadán, que é do que se trata. Volta ós tempos de antes Non volvamos, por favor, ós tempos dos tribunais excepcionais e se queremos que o xuíz ordinario predeterminado pola Lei sexa o xuíz natural -forum delicti commissi- que se afronte a supresión da Audiencia Nacional, que obviamente, hoxe por hoxe, é órgano xudicial ordinario predeterminado pola Lei.