AREOSO | O |
24 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.DÍAS ATRÁS a miña nai achegoume un vello caderniño forrado en tela, medio desfeito polo tempo. Ao abrilo apareceu a imaxe en sepia dun home xoven e debaixo as súas señas personales. Estas din que corpo, nariz e fronte son regulares; os ollos, castaños; as cellas e máis o pelo, rubios. No espacio para describir a súa cor di: «sano». Este xoven é o meu avó. O avó Antonio. Sobre a fotografía, dous selos: o da Axudantía Militar de Marina de Vilagacía e outro ca data, 17 de maio de 1937. Menos dun ano antes o home desta Libreta de Inscripción Marítima pasara tres noites seguidas agochado nunha figueira. Logo de recibir a libreta o avó, que no intre da foto tiña 26 anos, muller e un fillo, foi reclutado para combater nunha guerra incivil e inxusta. Na fronte de Teruel recibíu un disparo e eu podo contar aqueles feitos porque a bala non acertou de pleno e só chegou a ferilo na man. É dicir, que a miña existencia é casual: puido non ser, pero é. En cada guerra non só se perden as vidas que se contabilizan como baixas na estatística da morte. Tamén se truncan as incontables vidas que poderían ser pero xa nunca serán. E como sobrevivinte casual e secundario da Batalla do Ebro digo que malditos sexan os desleigados que fan as guerras e os insensatos que os apoian e secundan. O avó morreu cando eu era un cativo de sete anos, pero lembro ben aquela man rota, cos dedos montados, uns enriba dos outros, que ma pasaba pola cabeza para dicirme «tes razón, fixéchelo ben».