Fútbol

CARLOS ÁLVAREZ BESADA

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA | O |

17 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?alar do deporte en O Grove é falar dunha das tantas riquezas polas que podemos estar orgullosos, pero por desgracia o respaldo institucional non vai acorde con esta realidade. No fútbol temos dous equipos de relevancia, e o respaldo do governo é mínimo. Non é necesario recordar aquelo de que o C.D. Grove xogaba (e xoga) na emigración, ou do derrubo ao tipo caudillo, da sede do Anduriña. Tampouco é necesario lembrar a instencia do BNG en mercar os terreos colindantes ao campo de fútbol para poder ampliar o terreo de xogo, ou daquel famoso pleno onde o Alcalde condicionou aos grupos da oposición a mercar uns terreos carísimos sen posibilidade dunha nova negociación, porque disque empezaban as obras de inmediato. A realidade é que o campo está sen facer e a liga xa empezou. A un mes de comezar a liga, os clubes protestan, e nese intre o BNG insta ao governo local e provincial a urxencia das obras. Nin o Alcalde nin Presidente da Deputación poden dicer unha data para o remate. Despois de anunciar que o campo estaría para xaneiro, despois para o verán, despois para o comezo da liga, despois para o segundo partido da tempada ¿e agora?. Miguel e Louzán perderon o sentido do rídiculo. Unha semana máis Unha semana máis de liga e as taquillas paradas, a publicidade morta de risa, os xogadores adestrando en colexios e concellos achegados e ao Alcade o único que se lle ocorre dicer é que «á oposición o que nos molesta é que o campo está a piques de rematar». Pero este pasotismo pasa mentres os presidente da Deputación preocupa-se especialmente do campo Balaídos, meténdose no medio dunhas negociacións entre Concello e o Celta de Vigo que se regulan por un convenio en base a intereses concretos de participación. E aquí Louzán ¿é consciente dos problemas que temos nós? ¿para cando teñen pensado remata-las obras? A falla de planificación fai que haxa chapuzas e descontrois orzamentarios, e ao final as consecuencias as sufren os veciños, e neste caso os deportistas. Carlos Álvarez é portavoz do BNG en O Grove.