TRIBUNA PÚBLICA | O |
03 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Non saio do meu asombro. Acendo a radio, sintonizo a emisora local e me atopo co alcalde de Vilagarcía, do Partido Socialista, loubando de xeito vehemente ó sucesor do Mr. Ansar, como dicía o seu amigo Bush. En palabras do noso alcalde, Gago López, o futuro candidato, entre outras cousas, é afable, dialogante, cordial e de boa educación. Amigo Gago, creo que esqueces algúns outros calificativos: mentireiro, prepotente, tramposo. El, Rajoy, foi o máximo responsable da campaña de silenciamento da catástrofe do Prestige ; el foi quen día tras día en tódolos medios de comunicación nos enganaba e nos mentía de xeito desvergonzado sobre os feitos obxectivos da meirande desastre socio-ecolóxica da historia de Galicia, quizais de toda Europa. Espírito clientelar É esta persoa a que vostede louba. De acordo, teño que entender entón que quizais envexa este xeito de facer goberno; está claro que algo se parecen; evidentemente, o seu talante Paco Vazquiano queda curto no Partido Socialista. Preto do PP o noso alcalde se sinte cómodo, seguramente pretenderá retomar aquela antiga amizade con Cuiña con don Mariano. Non se estrañe logo, cando deixando o futuro de Vilagarcía en mans do seu espírito clientelar e de clan como fixo con Cuiña, se quede fora do reparto -carretera de circunvalación, acceso ó porto, etc-, e nos temos que conformar con migallas, como aconteceu nos últimos meses. Eses non son xeitos de gobernar dende a esquerda, pero claro, gobernar dende a esquerda para vostede é unha utopía. Rompa dunha vez o carné do seu partido e afíliese onde estea máis cómodo.