O presidente do Clube de Remo Mecos, Juan Ramón Outeda, amosouse onte entusiasmado co proxecto da Liga do Cantábrico. Así, considera que «a nova competición será altamente positiva para o mundo do remo, independentemente de que nós esteamos nela ou non. Vai dignificar este deporte, e coa implicación da televisión o remo vaise vender máis e animar á xuventude». Así as cousas, Outeda ofrece o seu respaldo incondicional á iniciativa: «Nós apoiaremos este tipo de ideas. Esta é unha fórmula que non podemos desperdiciar». Aínda que non sabe se o seu equipo estará ou non na Liga, o presidente do Mecos pensa xa nos beneficios que a presencia dunha traíña grovense tería para a vila do marisco. Neste senso, apunta que «os clubes de fóra teríanse que hospedar na localidade, e a proba que aquí se fixese retransmitiríase pola televisión».