Alucine

JUANMA FILGUEIRA

AROUSA

AREOSO | O |

22 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI UNS días escoitei a Mr. Rajoy dicindo que o Goberno, no tocante ó Prestige , acertou «en lo sustancial», é dicir, «en la decisión de alejar el buque». Así, con un par. O primeiro que se me ocorreu foi que menos mal que acertaron, porque se chegan a equivocarse... non sei, ao mellor xa teríamos incorporado o fuel á cociña galega coa garantía de Galicia Calidade. Non son quen de imaxinar unha xestión máis torpe da catástrofe que a levada a cabo por esa banda de expertos en escurrir o bulto, pero podo andar errado. Quizais non foron os mariñeiros, bateeiros e mariscadoras quen salvaron a ría. Tal vez aquelo si foi unha alucinación colectiva. Tamén é posible unha xustificación máis simple: que o manual de campaña obriga a dicir cousas así. Xa saben, «fixemolo de marabilla, hai que pasar página...» Pero o «sustancial» está no que significan esas palabras: se o vindeiro inverno un petroleiro se rompe diante das nosas costas en pleno temporal, Álvarez Cascos dará a orden de levalo a alta mar ata que afunda e non fai falta que lles conte o resto da historia. Mensaxe urxente: dado que co mar e a comida non se xoga, por favor, que antes da Festa do Marisco, alguén dunha confraría se faga cargo de Fomento, unha mariscadora da portavocía do Goberno e que un bateeiro ocupe a Consellería de Pesca. Antes de que sexa demasiado tarde.