O Atlético Arousana afronta o inicio da Liga coa permanencia coma meta

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

19 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O mellor equipo de fútbol feminino de Galicia, o Atlético Arousana, iniciará este domingo a súa segunda tempada consecutiva na Liga de Primera Nacional. As rapazas de Plácido Cortés debutarán a domicilio, en Castrillón, na casa do Raíces asturiano ás 12 da mañá. O adestrador do conxunto vilagarciano recoñeceu onte que «aínda non estamos nas mellores condicións para competir, tanto polos problemas físicos como polos atrancos laborais dalgunhas xogadoras». De feito, Cortés tan só poderá dispor para o primeiro encontro con 17 dos seus 22 efectivos. Charo e Montse, procedentes do Aguiño da Liga Rexional, están pendentes de arranxa-la súa incorporación debido a problemas laborais, o mesmo que Sonia. Pola súa parte, Marta García, procedente do Salnés de fútbol sala, está lesionada, e Sandra só leva unha semana adestrándose co equipo. Todas elas, agás Sonia, forman parte da ampla lista de fichaxes do equipo, completada co nome de Patricia, desvencellada do fútbol o ano pasado logo de xogar no Bértola. Souti, Lucía e Paula, por problemas laborais, e Carolina, emigrada en Gran Bretaña, conforman pola súa parte o capítulo de baixas. Deste xeito, o plantel do Atlético Arousana 2002/03 conta con Cobas e Patricia na portería; Arancha, Nuria, Pati, Nati, Luisa, Marta Cortés, Montse e Marta García na defensa; Sonia, Rocío, Cárol, Carmen, Rosa, Rosana, Sandra e Leticia no mediocampo; e Oti, Eli, Mónica e Charo na dianteira. Un equipo «un pouco máis compensado ca outros anos» co que, explica Cortés, «nos fixamos a meta de asegura-la permanencia, pero sempre mantendo a ilusión de aspirar a algo máis».